Accidente ferroviario de Castelldefels de 2010

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tren Alaris similar ao tren implicado no accidente.

O Accidente ferroviario de Castelldefels de 2010 produciuse no apeadoiro de proximidades de Platja de Castelldefels, na localidade española de Castelldefels (Barcelona) o 23 de xuño de 2010. No accidente faleceron 12 persoas, sendo un dos máis graves en España desde o de Chinchilla de Monte-Aragón (Albacete) de 2003.[1]

Sucesión dos feitos[editar | editar a fonte]

Ás 23:18 do día do accidente un tren de proximidades procedente de Barcelona, que saíra ás 23:06 horas destino Sitges, fai parada no Platja de Castelldefels. Do tren, un Serie 451 de Renfe en dobre composición con capacidade para 1.816 persoas, baixouse un número de persoas moi superior ao habitual debido a que na praia contigua programáronse varios actos para a celebración da noite de San Xoán.[2] No apeadoiro atopábanse varios axentes de policía debido á acumulación de xente.[3]

Tras descender do tren, os viaxeiros debían pasar alén das vías para saír do apeadoiro. Para iso, a dependencia dispuña dun paso subterráneo de recente construción e dunha pasarela superior. A pasarela atopábase cortada por obras, o que tan só se indicaba cunha cadea, polo que algúns dos viaxeiros chegados intentaron saír por esta pasarela para despois ter que regresar á plataforma. Nun principio barallouse a posibilidade do colapso do paso subterráneo,[4][5] aínda que os axentes que estaban destacados no apeadoiro declaran que a xente saía con normalidade.[3] Algunhas testemuñas declararon que non foron capaces de ver que existía un paso subterráneo.[3]

Tras a saída do proximidades un grupo dunhas 30 persoas opta por cruzar polas vías.[6]

Ás 23:23 horas tiña paso previsto sen parada pola outra vía un tren Serie 490 de Renfe en servizo Alaris entre Alacant e Barcelona, que circulaba en hora a 139 km/h cando o tramo está autorizado a 150 km/h.[7] O Alaris cruzouse a 150 metros do apeadoiro co proximidades que saía en dirección contraria, polo que baixou a intensidade dos focos para non cegar ao outro maquinista, tal e como establece o regulamento. Ao chegar ao apeadoiro descobre ao grupo de persoas cruzando a vía, polo que activa a bucina e o freo de urxencia. O tren arroia ao grupo 4 segundos despois, e queda detido 800 metros tras activar o freo.[8][3]

Investigación[editar | editar a fonte]

O suceso someteuse a dúas investigacións: unha técnica, por parte da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF), e outra xudicial, por parte do Xulgado de Instrución 1 de Gavà.

A investigación da CIAF finalizouse o 31 de xaneiro de 2011. Chegou á conclusión de que todos os sistemas funcionaron adecuadamente e que os maquinistas actuaron correctamente e de acordo ao regulamento.[3] A seguridade do apeadoiro comparouse coas normas doutros países da Unión Europea, deducíndose que a súa disposición era correcta e non require cambios. Non se realizou ningún tipo de recomendación.

A investigación xudicial terminou en primeira instancia co arquivo da causa o 30 de xullo de 2010, ao considerar que o accidente debeuse a unha actuación «imprudente e temeraria» das vítimas e que a estación e os servizos da mesma cumprían coa normativa e as condicións de seguridade. Sobre o maquinista, sinalouse que deu negativo en alcoholemia e consumo de estupefacientes e a súa reacción foi rápida e correcta.[9][10]

"As dilixencias conducen á única conclusión de que os falecementos débense a unha actuación imprudente e temeraria das propias vítimas"

Os familiares recorreron ante a Audiencia Provincial, que lles deu a razón en parte ao considerar que se vulnerou o seu dereito a unha tutela efectiva, e obrigou á reapertura do caso.[11] O xuíz rexeitou que o maquinista do tren sexa imputado.[12]

Vítimas[editar | editar a fonte]

As vítimas mortais deste suceso son 12[13] persoas de idades comprendidas entre 16 e 28 anos (7 de nacionalidade ecuatoriana, 2 colombianos, 2 bolivianos e 1 romanesa) e unha muller de 46 anos.[14] Outras 14 persoas resultaron feridas (8 homes e 6 mulleres), 1 delas en estado crítico.[15][16][17]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  • Informe da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (en castelán)