Acantodios
| Acantodios | |||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|
| Clasificación científica | |||||||
|
|||||||
Os acantodios (Acanthodii, do grego ἅκανθα ákantha, "espiña" e εἰδής eidés, "co aspecto de"), tamén coñecidos como quenllas espiñentas, son unha clase extinta de peixes, cuxas especies teñen características comúns tanto dos peixes óseos coma dos cartilaxinosos.[1]
Os primeiros acantodios apareceron entre finais do Ordovícico e comezo do Silúrico (fai 430 millóns de anos), pero só se volveron abundantes xa no Devónico. Unhas poucas liñas sobreviviron durante o Carbonífero e só unha no Pérmico.[2]
Índice |
[editar] Características
Os acantodios foron peixes pequenos, caracterizados por ter ó comezo de cada aleta unha gran espiña ósea -menos na caudal- a pesar de ter esqueleto cartilaxinoso, por iso antigamente eran mal chamados "quenllas de pel espiñada". Esta particularidade tan características das espiñas que soportan as súas aletas compártena cos teleósteos, pero a diferenza destes, e como ocorre nas quenllas, non están dotadas de capacidade motriz.[3]
É o grupo máis antigo coñecido de gnatóstomos, tendo antepasados comúns con condrictios e osteíctios deducidas das homoloxías anatómicas que presentan con ambos,[4] pero este grupo extinto parece estar á parte dos outros dous. Con todo, a súa mala fosilización fai que a maioría do que se coñece da anatomía deste grupo proceda só de exemplares ben conservados de Acanthodes, unha especie de final do Carbonífero e por tanto unha forma derivada doutras, polo que é difícil deducir o seu parentesco con outros vertebrados.[4]
[editar] Anatomía e deducións a partir dela
A maioría dos acantodios medían menos de 20 cm de lonxitude,[5] con corpos xeralmente moi estilizados, unha cabeza grande con boca terminal, grandes ollos e unha aleta caudal heterocerca.[2]
[editar] Exoesqueleto óseo dérmico
A cabeza estaba recuberta de pequenas placas óseas, ás veces con grandes ósos recubrindo as branquias a modo de opérculo.[4] As escamas que recubren o corpo son moi pequenas e apertadas, estando feitas de óso e dentina, o que fixo que fosilizaran ben; estas mostran liñas concéntricas de crecemento, polo que os peixes novos tiñan un número fixo de escamas e cada unha crecía por adición de óso e dentina nas marxes conforme o animal ía crecendo.[2]
Tiñan unha ou dúas aletas dorsais e unha aleta anal, todas elas soportadas por unha grosa espiña ósea na súa parte dianteira. As aletas pectorais e pélvicas foron modificadas en longas espiñas, e nas formas máis primitivas podían ter até seis pares de espiñas ó longo do abdome. O nome "acantodio" refírese a esta colección de espiñas óseas ben visibles nos fósiles (acanthos=espiña), as cales non estaban relacionadas co esqueleto interno cartilaxinoso.[2] As espiñas están recubertas de escamas alargadas e fusionadas.[4]
[editar] Endoesqueleto cartilaxinoso
A lixeira osificación da cartilaxe preto da rexión do ollo e a rexión do oído permitiu a súa conservación, tendo o oído otolitos de calcita e dolomita; a maior parte deste endoesqueleto de cando en cando fosilizou.[4]
[editar] Alimentación
A maioría dos acantodios carecían de dentes, polo que probablemente alimentábanse de pequenas partículas de alimento que filtraban da auga; só algunha das formas máis tardías podería capturar presas grandes con pequenos dentes derivados dos ósos dérmicos.[2] Tiñan para filtrar unha ancha abertura da boca e anciños nas branquias, que eran unhas afiadas púas por dentro da gorxa ancoradas ó óso hioide e ós arcos branquiais; atopouse un espécime cun peixe óseo na súa cavidade bucal, presumiblemente tragado enteiro.[2]
Teñen grandes ollos rodeados por varias placas escleróticas, o seu gran tamaño suxire que vivían en augas profundas do mar aberto e que poderían alimentarse subindo a profundidades intermedias ou na superficie.[2]
Os Ischnacantiformes e Climatiformes está claro que eran depredadores, aínda que os segundos de pequenos invertebrados. Os Acantodiformes, debido á perda dos seus dentes e ter anciños nas bránquias dedúcese que eran filtradores de plancto do neuston, ademais de que un espécime mostrou grandes cantidades de pequenos crustáceos no seu estómago.[4]
[editar] Defensas
As espiñas das aletas e outras espiñas poderían ter en principio unha función defensiva, facendo que fose desagradable ser tragados por outros peixes máis grandes; as formas máis tardías, tales como Acanthodes, parece que eran capaces de erizar as súas espiñas pectorais, co que lles farían clavarse no esófago dun posible depredador.[2] Quizais isto foi unha medida defensiva exitosa, como se ve en peixes actuais que fan o mesmo.
[editar] Hábitat
Debido a que eran peixes neustónicos, os acantodios tiveron unha ampla distribución por todo o planeta, sendo especies esencialmente mariñas, aínda que algunhas especies son de auga doce; as especies do Carbonífero e Pérmico deberon vivir en auga doce de ríos de montaña.[4]
[editar] Notas
- ↑ Hutchinson encyclopedia Acanthodii (inglés). Consultado o 13 de maio, 2010.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 Benton, M.J., 2005. "Vertebrate palaeontology, Volume 13". 3ª edición. Wiley-Blackwell Publishing. 455 p. ISBN 0-632-05637-1
- ↑ Palaeos - Acanthodii
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 Janvier, P., 1996. "Early vertebrates". Oxford Monographs in Geology. Oxford University Press Inc., Nova York, EEUU. 396p. ISBN 0-19-852646-6
- ↑ Pérez Bote, J. L. Peces. Universidade de Estremadura.
[editar] Véxase tamén
[editar] Bibliografía
- Long, J.A., 1995. The Rise of Fishes: 500 Million Years of Evolution. Johns Hopkins Univ. Press. Baltimore and London.