Abismo de Helmo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

No legendarium de J. R. R. Tolkien, o Abismo de Helmo é un gran val ficticio situado na parte noroccidental das Ered Nimrais (Montañas Brancas), no continente da Terra Media. A fortaleza localizada nel adquire un especial protagonismo no segundo volume do libro O señor dos aneis, "As dúas torres".

Descrición do val e da fortaleza[editar | editar a fonte]

O val decorría entre o espazo formado pola serie de outeiros chamada o Dique de Helmo, e ao fondo del atopábase a fortaleza de Aglarond, tamén chamada Cornoburgo, fronte á entrada das Cavernas Escintilantes.

Unha rampla elevada e tortuosa levaba até a grande porta principal da fortaleza. A torre da homenaxe albergaba as cortes e mais a armaría, así como un grande salón na parte traseira, escavado na faldra da montaña. Había tamén unha grande torre (o Cornoburgo) cuxa parte superior consistía no grande corno de Helmo Man de Martelo. O abismo que xacía a carón da fortaleza víase truncado pola longa Muralla do Abismo, feita de rocha sólida agás por un pequeno sumidoiro que deixaba entrar auga desde o Regato do Abismo; isto permitía contar cunha subministración constante en caso de asedios longos. A Muralla do Abismo erguíase máis de 6 metros sobre o chan, e era ancha de abondo para catro homes colocados o un a carón do outro. A entrada á fortaleza desde o abismo era posíbel grazas a unha longa escaleira que levaba á porta traseira do Cornoburgo.

Historia[editar | editar a fonte]

Nun principio o val acollera a un pequeno rexemento de Gondor, mais cando a rexión de Calenardhon pasou a ser o reino de Rohan, converteuse nun campamento dos Rohirrim, habitado polos gardas dos Vaos do Isen.

Durante a guerra contra os Homes de Bruna comandados por Wulf, os Rohirrim, gobernados polo rei Helmo Man de Martelo, refuxiáronse na torre da homenaxe, onde resistiron todo o inverno de 2758-2759 TI.

Durante a Guerra do Anel a fortaleza que custodiaba o Abismo de Helmo volveu abeirar algúns dos Rohirrim, desta volta baixo o goberno do rei Théoden, e foi o escenario da Batalla do Abismo de Helmo.

Segundo conta un mito, o Abismo de Helmo nunca caería mentres houbese homes que o defendesen. Ningún exército dera traspasado a Muralla do Abismo, nin pisado o Cornoburgo, mais no ano 3019 TI, durante a devandita Guerra do Anel, as hostes de Uruk-hai de Saruman case que conseguiron superar as defensas dos Rohirrim, provocando unha explosión de lume no sumidoiro, que destruíu a defensas principais. A orixe desta deflagración non fica clara, pois Tolkien descríbea como "a diabrura de Saruman." Na triloxía cinematográfica d' O señor dos aneis de Peter Jackson, esta arma aparece representada como pólvora.

A fortaleza aparece como taboleiro de escenario no xogo de mesa do Señor dos aneis.

Aglarond[editar | editar a fonte]

Aglarond e Angrenost (máis tarde coñecida como Isengarda) eran as dúas fortalezas construídas por Gondor para defender os Vaos do Isen. Ao igual que Angrenost ao norte, ao primeiro estivo ben custodiada, mais a medida que a poboación de Calenardhon (que despois sería o reino de Rohan) esmoreceu, foise abandonando e perdendo importancia, até acabar nas mans dun pequeno corpo de garda que se mesturou cos Homes de Bruna.

Cando Cirion, Mordomo de Gondor, outorgou a rexión de Calenardhon á tribo dos Éothéod, Aglarond pasou aos coidados dos Rohirrim, que a chamaron Súthburg (burgo do sur no seu idioma). A garda de Gondor fusionouse coa de Angrenost ao norte, que permaneceu en poder de Gondor. Nun principio, as tarefas de vixilancia dos vaos foron compartidas por Gondor e Roham, mais acabaron sendo mantidas só polos Rohirrim.

Durante o reinado de Helmo Man de Martelo, Rohan sufriu o ataque dos Homes de Bruna que moraban na outra beira do río Isen. A súa capital, Edoras, caeu, e Helmo retirouse a Súthburg xunto con gran parte do seu pobo. Como Helmo sempre tocaba un grande corno antes de saír a cabalo para combater os belicosos Homes de Bruna, a torre da homenaxe pasou a chamarse Cornoburgo. Durante a Guerra do Anel, o Cornoburg serviu de refuxio para os Rohirrim mentres defendían o lugar na batalla do Abismo de Helmo.

Após a guerra, Gimli o Anano, que loitou nesa batalla, estabeleceu alí unha colonia da Xente de Durin. Aglarond estaba situada fronte a un enorme complexo de cavernas de grande beleza, que se lle antollou irresistíbel. A partir daquela, Gimli foi coñecido como o 'Señor das Cavernas Escintilantes', aínda que en teoría o goberno deste reino recaía en Thorin Helmo de Pedra, parente seu e herdeiro soberano de toda a Xente de Durin. Trala Guerra do Anel, os ananos de Aglarond restauraron o Cornoburgo, que se converteu nunha fortaleza compartida cos Rohirrim.