Abdou Latif Guèye

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Abdou Latif Guèye, tamén coñecido como Abdoulatif Gueye, nado o 4 de marzo de 1956 en Dakar e falecido o 6 de abril de 2008 en Mbirkilane, foi un político e xornalista senegalés.

Traxectoria política[editar | editar a fonte]

Fillo de El Hadji Abbas Guèye, antigo vicepresidente do parlamento do Senegal e deputado no parlamento francés durante a colonización, comezou a súa carreira política en formacións clandestinas esquerdistas, e foi arrestado por primeira vez con 17 anos pola súa actividade política. En 1976, a canda Cheik Anta Diop e máis xente funda a Agrupación Nacional Democrática (RND), e seis anos máis tarde abandona a política polo xornalismo. Así, en 1983 funda un caderno de investigacións sociais que se chamará Jamra e que co devir dos anos se converterá nunha ONG centrada na loita contra a drogadicción e a sida. De feito, Guèye formou parte de diversas organizacións internacionais de loita contra a sida e contra as drogas, algunhas delas de marcado carácter relixioso musulmán.

En 2000 aproveita a súa experiencia e a súa popularidade para refundar a Agrupación Democrática Senegalesa (RDS), que apoiou o troco político no país e o candidato conservador Abdoulaye Wade. Despois da vitoria de Wade incorpórase como asesor do presidente da república ata o ano 2002. Despois de diversas acusacións de tráfico de retrovirais, é destituído e encarcerado por máis dun ano (ata 2004). En decembro de 2006 volve a apoiar a Wade e o seu partido entra na coalición conservadora que obtén a vitoria, e el acada a vicepresidencia do parlamento do Senegal, ao igual que fora o seu pai.

Nos últimos tempos, as súas posicións ideolóxicas viraran cara ao extremismo relixioso, e situouse a prol de perseguir máis activamente a homosexualidade (ilegal no seu país), a masonería[1] e contra o filme neerlandés Fitna, fortemente criticado polos sectores islamistas.

Faleceu nun accidente de circulación, do que saíron ilesos os demais ocupantes do vehículo. Foi soterrado no camposanto musulmán de Yoff.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

  • Pertencia á etnia lebou e era seareiro da Irmandade Layena, unha das principais correntes do islamismo senegalés.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Abdou Latif Guèye: les trajectoires d’une vie, African Global News, 10/04/08