Abú Muzab al Zarqaui

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Abú Muzab al Zarqaui, en árabe: أبومصعب الزرقاوي‎, nado en Xordania o 20 de outubro de 1966 e morto o 7 de xuño de 2006 na cidade de Baquba, en Iraq, foi o autoproclamado líder de Al Qaeda en Iraq.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Diferentes testemuños relacionaron a Al Zarqaui con actos terroristas en Iraq no tempo da ocupación estadounidense, entre os que se contan a planificación de atentados suicidas e ataques directos contra militares, policías e civís.

Al Zarqaui, seareiro do movemento salafí opúñase á presenza das tropas de países occidentais nos países islámicos, especialmente Iraq, así como ao recoñecemento da existencia do estado de Israel. Al Zarqaui, que era musulmán suní, tamén entendía que os xiís de Iraq estaban tendo unha actitude colaboracionista coa ocupación occidental, e por esa razón declaroulles a guerra en setembro de 2005.

Al Zarqaui recoñecíase seareiro de Ben Laden, e dende outubro de 2004 referíase á súa propia organización, Iama'at al Tauhid ual Xihad, como célula de Al Qaeda en Iraq. O propio Ben Laden cualificou a Al Zarqaui de príncipe de Al Qaeda en Iraq.

Al Zarqaui era o home máis buscado polas tropas occidentais en Xordania e Iraq. O goberno dos Estados Unidos ofrecera 25 millóns de dólares a quen puidera dar información para a súa captura, a mesma cantidade ca por Ben Laden. O 15 de outubro 2004 o goberno dos Estados Unidos engadiu a Al Zarqaui e a o seu grupo, o Iama'at al Tauhid ual Xihad, na lista de organizacións terroristas estranxeiras.

Abú Muzab al Zarqaui foi asasinado definitivamente o 7 de xuño de 2006, durante un bombardeo do seu campamento na cidade de Baquba, uns 65 quilómetros ao norte de Bagdad. Pero a súa morte xa fora anunciada, e despois negada, en varias ocasións durante os meses anteriores. O goberno estadounidense amosou publicamente fotografías do cadáver de Al Zarqaui.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]