A viaxe de Baldassare

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A viaxe de Baldassare
Título orixinalLe Périple de Baldassare
Autor/aAmin Maalouf
CubertaMiguel Vigo, cun deseño de Claude Joseph Vernet
OrixeFrancia
Linguafrancés
Xénero(s)Novela
EditorialEdicións Xerais (2000)
Data de pub.2000
Formatorústica con lapelas
Páxinas456
ISBN978-84-8302-583-3
TraduciónXavier Queipo e María Dolores Torres París
editar datos en Wikidata ]

A viaxe de Baldassare é unha novela de Amin Maalouf publicada no ano 2000 co título orixinal en francés de Le Périple de Baldassare. Foi traducida ao galego por Xavier Queipo e María Dolores Torres París, e publicada por Edicións Xerais en novembro de 2000. No 2001 foi finalista no premio Arcebispo San Clemente, e no 2004 foi candidata para o Premio Internacional de Literatura da IMPAC de Dublín.

Trama[editar | editar a fonte]

A obra está ambientada no século XVII (entre 1665 e o 1 de xaneiro de 1667) en Europa e o Levante (actualmente chamado Medio Leste). Narra a viaxe de Baldassare, un rico comerciante de libros xenovés que reside en Gibelet (actualmente Jbeil, no Líbano), que procura un libro sagrado, O Centésimo Nome. Deste libro dise que contén o nome de Deus sagrado e descoñecido e sagrado, e quen o coñece ten a resposta para a salvación das almas na fin do mundo, que segundo algúns terá lugar trala apocalipse no ano 1666.

Na viaxe percorre o Imperio Otomán, Italia e Londres, dividindo a narración en catro cadernos.

O Centésimo Nome[editar | editar a fonte]

A primeira parte comeza en Gibelet no verán de 1665. Baldassare fala nunha analepse de cando oíu falar por vez primeira d' O Centésimo Nome, escrito por Abou-Maher al-Mazandarani. Foi en decembro de 1648, nunha visita dun peregrino moscovita. Xa en 1665, atopouse cun exemplar do libro, un agasallo dun veciño seu sumamente pobre. Porén, vese na obriga de venderllo a un cabaleiro francés, que se dirixe cara a Constantinopla.

Acompañado polos seus dous sobriños e por un servinte, diríxese cara á capital otomá co propósito de recuperar o libro. Aos dous días da viaxe, únese ao grupo Marta, unha moza da vila, que escapou a Constantinopla coa intención de saber se o seu marido (un rateiro do que hai anos que non sabe) está vivo ou morto. Na viaxe, Marta faise pasar pola muller de Baldassare, e inician unha relación amorosa.

En Constantinopla non logran atopar ao nobre francés, polo que se dirixen cara a Esmirna, onde seica está o marido de Marta.

A voz de Sabbataï[editar | editar a fonte]

En Esmirna escoitan falar de Sabbatai, un xudeu que se fai chamar profeta, e que fai predicións sobre a fin de mundo no ano vindeiro. Finalmente atopan na illa de Chío ao marido de Marta e ela vai falar con el, pero o marido reclúea na súa casa. A finais de xaneiro, Baldassare debe escapar precipitadamente da vila, embarcando cara a Xénova.

Un ceo sen estrelas[editar | editar a fonte]

En Xénova acólleo un comerciante, que quere casalo coa súa filla. Baldassare, indeciso sobre o seu futuro, embarca cara a Londres o 26 de abril. Nesta travesía fai escala en Maó, Tánxer e Lisboa. De camiño a Inglaterra, o navío é apresado polos holandeses e levado a Ámsterdam. O 23 de agosto, finalmente, chegan a Londres. Ese mesmo día atopa a Cornelius Wheeler, quen lle cede O Centésimo Nome. Varias semanas despois, o 12 de setembro, comeza o grande incendio de Londres (en realidade, comezou o día 2, pero na novela púxose o día 12 para facelo coincidir co aninovo do calendario xuliano vixente en Rusia).

A tentación de Xénova[editar | editar a fonte]

Retoma a narración o 12 de outubro, xa en Xénova. Conta o modo en que escapou de Londres, por mor da persecución dos católicos, pasando por París, Lión, Aviñón e Niza. O 31 de outubro embarcan cara á illa de Chío coa intención de rescatar a Marta. Porén, tras falaren no barco, ela di que quere quedar na illa co seu marido. Baldassare, confuso, regresa a Xénova, onde chega o 27 de decembro. Nestas datas aínda pensa que o mundo pode rematar. Alí fala con Giacominetta, a filla do comerciante que o acollera, e ela dille que prefire non casar. Recibe unha carta da súa irmá dicíndolle que os seus sobriños chegaran ben a Gibelet.

Remata a narración o mediodía do 1 de xaneiro de 1667, coa expectativa dunha nova vida como comerciante na cidade dos seus antergos.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]