A raíña da beleza de Leenane

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A raíña da beleza de Leenane
Autor/aMartin McDonagh
editar datos en Wikidata ]
Vista de Leenane, no condado de Galway, Irlanda.

A raíña da beleza de Leenane (título orixinal The Beauty Queen of Leenane) é un drama de Martin McDonagh. É unha mestura de comedia negra, melodrama e traxedia deprimente.

Trama[editar | editar a fonte]

A historia sitúase na aldea irlandesa de Leenane, en Connemara, en 1989. Toda a peza se desenvolve nunha cociña desastrada e mal iluminada, o que resulta nunha sensación claustrofóbica de encerro.

A obra céntrase na vida de Maureen Folan, unha solteirona de máis de 40 anos que coida da súa nai Mag de 70 anos, que é egoísta e manipuladora. As irmás de Maureen refuxiáronse hai tempo no matrimonio e a vida familiar, mais Maureen, que garda o segredo dunha doenza mental, está atrapada nunha relación disfuncional coa súa nai.

Durante a obra, os irmáns Pato e Ray Folan visitan a casa. Pato é un obreiro de mediana idade canso do seu traballo e a súa vida en Inglaterra, desencantado das limitacións e a soidade da vida. O tedio tamén abruma ao seu irmán de 20 anos, un rapaz groseiro de aldea. No primeiro acto aparece unha última oportunidade de romance entre Maureen e Pato, que continúa no segundo até o desenlace dramático.

Adaptacións[editar | editar a fonte]

A raíña da beleza de Leenane estreouse en 1996 en Galway, producida pola Druid Theatre Company, levouse despois a Londres e a Broadway, onde gañou catro Premios Tony. En Galiza produciuna o Teatro do Atlántico, dirixida por Xúlio Lago e interpretada por María Barcala, Teresa Horro, Marcos Viéitez e Rubén Riós. A adaptación do texto correu a cargo de Avelino González e Olga Nogueira. Estreouse o 17 de febreiro de 2006 en Narón e acadou varios galardóns nos Premios María Casares 2007: á mellor dirección, mellor texto adaptado e mellor espectáculo.