A metamorfose

Na Galipedia, a wikipedia en galego.

Primeira ilustración da portada do libro A metamorfose, feita por Ottomar Starke en 1915
Primeira ilustración da portada do libro A metamorfose, feita por Ottomar Starke en 1915


A metamorfose (Die Verwandlung, no seu título orixinal en alemán) é un relato de Franz Kafka, publicado en 1915 e que narra a historia de Gregor Samsa, un tratante de teas que vive coa súa familia á que el mantén co seu soldo, que un bo día amence convertido nunha criatura non identificada claramente en ningún momento, pero que tende a ser recoñecida como unha especie de cascuda xigante. Breve e intensa, é cualificada ás veces como "relato existencialista".

Índice

[editar] Interpretacións

A metamorfose é un relato aberto a múltiples interpretacións, de feito, no seu libro The Commentator's Despair (A desesperación do comentarista) Stanley Corngold dá conta de máis de 159 interpretacións.

Entre as máis obvias están as referidas ao trato da sociedade cara ao individuo diferente. Outros temas inclúen o da soidade das relacións rotas e as esperanzas desesperadas e pouco realistas que crea tal illamento. Algúns autores quixeron ver tamén nesta historia, a un mesmo tempo absurda, cruel, conmovedora e con pinceladas cómicas, unha alegoría das diversas actitudes que toma o ser humano ante a enfermidade grave e irreversible e de como a pesar de todo, a vida continúa.

Outra interpretación podería ser a de que a obra plasma o egoísmo humano ante o benestar dos demais. Isto podémolo identificar na obra na situación na que se atopaba Gregor, xa que sobre el recaía todo o peso de manter economicamente á súa familia. Con todo cando a situación vira e agora é a familia a que ten que facerse cargo de Gregor, esta evita responsabilidades e déixano morrer.

[editar] Argumento

Aviso: Esta sección pode revelar detalles da trama ou do argumento.


Unha mañá Gregor Samsa espértase no seu cuarto convertido nunha estraña criatura insectoide. A súa primeira preocupación, a pesar da horrible situación na que se acha, é que chegará tarde ao traballo e perderá o tren que tiña que coller. Tal inquietude pronto aparece no resto da súa familia cando se dan conta de que Gregor aínda non saíu a traballar e continúa encerrado na súa espartana habitación. Na súa situación, incapaz de controlar o seu novo corpo e de falar normalmente, a apertura da porta convértese nunha odisea que se agrava coa chegada do principal enviado polo xefe de Gregor. Cando, por fin, todos descobren o novo estado de Gregor, a familia pasa do horror inicial a tratalo con abnegación, como unha carga ou un molesto deber. Con todo, os seus pais non volven entrar no seu cuarto, onde Gregor queda confinado, e é a súa irmá, Grete, a que se dedica a intentar cubrir as súas necesidades básicas como mellor pode, a pesar de que lle causaba repugnacia o seu aspecto.

Aínda que Gregor conserva en todo momento as súas facultades mentais, a súa incapacidade para falar fai pensar á familia que non é xa máis que un animal que non pode comprendelos. Grete pronto baleira a habitación de case todo o mobiliario para deixarlle unha maior liberdade de movementos, que Gregor non tarda en aproveitar e gozar ao descubrir que se acha máis cómodo rubindo polas paredes e o teito que no chan. Con todo, non deixa de sentirse avergoñado e sempre se oculta, detrás dun sofá antes da chegada diaria da súa irmá para traerlle comida e limpar o cuarto. Nunha ocasión, motivado polo feito de que a súa nai parece non acabar de aceptar o que é agora o seu fillo, Gregor abandona a súa habitación, o seu pai perségueo con intencións agresivas e, dado o fráxil estado do seu fillo, case o mata.

Noutra ocasión, tras longos días de soidade e deterioración física tras o contratempo co seu pai, a música do violín tocado pola súa irmá en honra duns arrogantes inquilinos, con cuxa renda a familia pode seguir vivindo tras a perda do soldo de Gregor, faio saír da súa habitación nunha especie de transo (con intencións de agarimo cara á súa irmá). Isto crea novos problemas que pon en perigo os ingresos dos que vive a familia. Entón, Grete expresa o seu máis total repulsa cara ao seu irmán e opina que deben librarse del porque xa fixeron con el todo o humanamente posible e a criatura non é xa Gregor. Entón Gregor volve á súa habitación e morre por non comer nada, de inanición, abandono e unha infección causada polo ataque do seu pai. Ao descubrir o seu cadáver, a familia sente que se lles quitou un enorme peso de encima e comezan a planificar o futuro, saen nunha viaxe e pechan rápida e definitivamente esa etapa das súas vidas coas esperanzas postas na súa filla.

[editar] Véxase tamén

[editar] Ligazóns externas

Ferramentas persoais