A fragua de Vulcano
| ”A fragua de Vulcano” |
| Diego Velázquez, 1630 |
óleo sobre lenzo
|
| 223 cm × 290 cm |
| Museo do Prado (Madrid) |
A fragua de Vulcano (en castelán La fragua de Vulcano) é unha obra de Velázquez realizada despois da súa primeira viaxe a Italia en 1629. Os críticos están dacordo en datar a obra en 1630, no mesmo ano que A túnica de Xosé, outra obra do pintor. Semella que ambos cadros se realizaron sen encargo do rei, aínda que si pasaron a formar parte das coleccións reais ao pouco tempo. Na actualidade, o lenzo atópase no Museo do Prado, onde ingresou o 5 de agosto de 1819.
Índice |
[editar] A temática da obra
O cadro describe o intre no que o deus Apolo, coroado de loureiro (detalle que permite identificar o personaxe), visita a forxa onde se atopa Vulcano, que está a fabricar armas para a guerra, para comunicarlle o adulterio da súa esposa Venus con Marte, deus da guerra. Esta nova é o motivo polo que tódolos personaxes ollan con expresión de sorpresa cara o deus que acaba de entrar na forxa, mesmo algún deles aparece caracterizado coa boca e os ollos moi abertos para indicar o seu abraio.
Para realizar esta obra Velázquez inspirouse nun gravado de Antonio Clempesta, modificándoo ampramente e centrando a acción narrativa no traxe de Apolo, mediante un estilo clasicista barroco que non evoca ao tenebrismo. Destaca nesta obra o interese polo nú, como influencia das estatuas grecorromanas e da corrente clasicista de Guido Reni; deste último podería vir tamén a composición a modo de friso. Por outra banda, os tonos claros da figura de Apolo lembran a Guercino.
Esta obra foi realizada por Velázquez en Roma sen encargo e por petición do pintor Pedro Pablo Rubens, que visitara España no mesmo ano 1629. Velázquez pintou este lenzo na casa do embaixador español, xunto co cadro de A túnica de Xosé, traendo consigo ámbalas dúas obras de volta a España.
[editar] Análise
O asunto elixido para este lenzo é unha escena sacada da mitoloxía romana, en concreto de A metamorfose, de Ovidio. Velázquez interprétaa nunha versión estritamente humana, con personaxes contemporáneos. Apolo está envolto nun manto que deixa ao descuberto o seu torso espido. Vulcano aparece coma un simple ferreiro, o mesmo que os cíclopes que lle axudan, homes rurais que coñecen o oficio. Vulcano olla para Apolo cunha mirada atónita tras escoitar a mala nova do adulterio da súa dona co deus Marte, a quen lle estaba a forxar nese intre unha armadura. A caverna onde o deus ferreiro forxa as armas dos outros deuses é unha ferrería calquera, coma as que Velázquez puido atopar en España ou en Roma. Coa súa maestría característica, pinta asemade unha serie de variados aparellos propios dunha forxa.
O interese de Velázquez polos nus apréciase dende que chega a Madrid no 1623, pero este interese aumenta nas súas obras despois da súa primeira viaxe a Italia entre os anos 1629 a 1631. Desta viaxe recolle tamén a influencia da pintura veneciana, que se pode apreciar no emprego da cor para pintar, tal e como se amosa na chamativa túnica laranxa do deus Apolo. Do seu paso por Roma recibe a influencia de Miguel Anxo á hora de pintar figuras fortes e corpulentas. A musculatura de Vulcano e dos outros personaxes que o arrodean é notable, son figuras atléticas que amosan sen pudor a súa fortaleza, mesmo están nunha posición forzada para facer notar máis os músculos.
Por outra banda, Velázquez estivo sempre obsesionado con acadar profundidade nas súas obras. Neste caso, comeza a empregar o que se denomina ‘’emparedados de espazo’’: enfrenta ás figuras entre si para que na mente do espectador exista a sensación de profundidade. Acada a profundidade deste xeito e non tanto por medio da paisaxe da fiestra sita ao fondo da estancia.
Por último, é salientable, coma en moitas das súas obras, a calidade fotográfica dos obxectos que aparecen no cadro, neste caso principalmente aparellos metálicos, armaduras, a engra, os martelos ou mesmo o ferro a alta temperatura, que amosan un gran realismo levado ao extremo. Ao fondo, na parte superior dereita, obsérvanse diversos aparellos nunha repisa que constitúen un bodegón por si sós, característico asemade das primeiras obras de Velázquez.
Coma corresponde a un pintor típico español, os seus personaxes son populares, non están idealizados coma nas pinturas italianas. Vulcano ten unha face bastante desagradable e Apolo, aínda que cunha aura que o diferencia do resto, non presenta un rostro idealizado.
[editar] Véxase tamén
[editar] Bibliografía
- La pintura en el barroco. José Luis Morales y Marín. Espasa Calpe S.A. 1998
- Museo del Prado. Pintura española de los siglos XVI y XVII. Enrique Lafuente Ferrari. Aguilar S.A. 1964
- Cirlot, L. (dir.), Museo del Prado II, Col. «Museos del Mundo», Tomo 7, Espasa, 2007. ISBN 978-84-674-3810-9pp. 24-25