A fonte do xuramento
A fonte do xuramento é unha peza teatral de Francisco María de la Iglesia, considerada a primeira obra representada en galego, en 1882.
Índice |
[editar] Factores que rodean o seu nacemento
Antes do ano 1882, o teatro realizado en lingua galega era unha dramática de corte popular, incapaz de atraer para si ás elites intelectuais ou socioeconómicas de Galiza. Por este motivo, Francisco María de la Iglesia, rexionalista comprometido e mestre de profesión, viu a necesidade de crear un teatro galego para minorías. O escritor nado en Santiago de Compostela (aínda que por daquela residía na Coruña) tentou convencer os seus correlixionarios para crearen unha dramática galega ideada para as minorías cultas. Mais o seu éxito nesta tentativa foi nulo. Incluso o resto dos rexionalistas coruñeses chegaron a bautizalo co nome de Capitán Araña. Por este motivo,Francisco María de la Iglesia decidiu armarse de valor e comezar el só coa súa causa. De feito, chegou a escribirlle en carta a Uxío Carré Aldao que non lle importaba iniciar el este tipo de dramática, a pesar de ser consciente de que os méritos recaerían no conxunto dos rexionalistas coruñeses. Fo así como naceu A fonte do xuramento.
[editar] A obra
[editar] A representación
Unha vez escrita A fonte do xuramento, non foi doada a súa estrea. E é que os prexuízos lingüísticos e sociais imperantes na Galiza da época dificultaban a consecución de actores e actrices, principalmente das segundas. De feito, o papel de Minia foi interpretado por unha rapaza de orixe francesa.
A peza foi estreada o 13 de agosto de 1882 no Liceo Brigantino da Coruña. De portas para fóra, a posta en escena foi todo un éxito. Mais unha parte importante dos rexionalistas non lle perdoarán ao escritor compostelán que presentase unha Galiza desconfiada e violenta, movida por baixas paixóns como o desexo carnal ou os celos, xa que esta visión do noso país se afastaba bastante da Galiza bucólica e idílica que o Rexionalismo pretendía fomentar.
[editar] A trama
A obra conta cunha trama realmente simple. Nela nárrase en verso romance a historia dunha rapaza, Minia, que "anda en amores" cun home dunha parroquia distinta á dela. Á parte da desconfianza que este home lle provoca a todos os habitantes da poboación de Minia, os mozos da parroquia séntense ofendidos, posto que un home de fóra "gañara" á súa moza máis prezada. Alén disto, e por se fose pouco, Alonso (personaxe que encarna os valores do perfecto rexionalista) leva tempo namorado de Minia.
As festas do lugar achéganse, e con elas chega onde Minia unha muller, a cal afirma que está a buscar o pai de seu fillo (o cal leva no colo). Precisamente, este será a mesma persoa da que Minia estaba namorada. Por este motivo, a protagonista négase a crer as palabras da nai abandonada, mais un tráxico suceso ábrelle os ollos. E é que a súa parella, unha vez encontrada coa muller que o andaba a buscar, foi quen de tirar no chan o seu propio fillo (aínda un bebé), provocándolle a morte.
A obra finaliza cunha pelexa a garrotazos entre os rapaces das parroquias rivais (a cal foi durante séculos unha tradición popular en moitos puntos do rural galego). Alonso e os seus deciden aproveitar a ocasión para vingarse do foráneo. Mais a pelexa remata coa morte de todos os personaxes agás Alonso, quen é finalmente aceptado por Minia.
[editar] Outros apuntamentos de interese
Segundo Manuel Lourenzo e Francisco Pillado, A fonte do xuramento encádrase dentro da corrente do realismo costumista. Está escrita en versos octosílabos. O seu autor, a pesar do que a obra suxire, furta da vista do espectador todo o que poida ser considerado desagradábel. Esta obra supuxo o inicio do teatro galego para minorías.