A Meca - مكة

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.

Coordenadas: 21°25′N 39°49′E / 21.417°N 39.817°E / 21.417; 39.817

Vista da Meca dende o nordés en 1850.

A Meca ou Mecca (nome completo: Makkah al-Mukarramah; árabe: مكة المكرمة) é unha cidade de Arabia Saudí, considerada a cidade santa do islam. É un centro relixioso que os que profesan a fe musulmá teñen a obriga de visitar polo menos unha vez na vida. No centro sitúase a Kaaba.

Está situada ao oeste da península Arábica. É a capital do Hexaz, e en 2003 tiña 1.400.000 habitantes.

Índice

Santuario ancestral [editar]

As orixes míticas do lugar remóntanse ata Adán, Abraham e o seu fillo Ismael (cuxos descendentes, os ismaelitas, serían os musulmáns). O xeógrafo Ptolomeo cítaa coma Macoraba no século II (inda que discutida a adscrición). En calquera caso, semella certa a indubidable antigüidade (seica finais do período romano) dun santuario a carón do pozo-manancial Zamzam no val do oued Ibrahim. Ese primitivo recinto sagrado recibiu o nome de Kaaba.

A Kaaba era nun principio só un cercado de pedra sen teito, con esquinas orientadas segundo os puntos cardinais. Albergaba ídolos de tódalas tribos da península arábiga, máis de 360, un por día, a "Pedra Negra" entre eles. Unha vez ao ano as tribos reuníanse alí abrindo unha tregua nas súas loitas constantes.[1] Tal costume, o prestixio do lugar e a súa estratéxica posición nas rutas comerciais da rexión, favoreceron un pronto e florecente desenrolo do comercio (sinaladamente as especias de Yemen e Omán) que orixinou o crecemento dunha vila arredor.[2]

Centro do Islam [editar]

Ilustración da Gran Mesquita, 1787.

Para o século V, o control da área da Meca estaba en mans da tribo de mercadores Quraish quen reconstruíron a Kaaba no século VII, xa teitada e de forma cúbica. Nesa época Mahoma, que pertencía ao clan haxemita de dita tribo, revolucionou as ideas relixiosas da rexión ao establecer un culto monoteísta, rexeitando a idolatría vixente, sobre todo a Hubal, deidade lunar. A Kaaba converteuse no lugar máis sagrado, foco da oración dos musulmáns e centro de peregrinación da nova relixión, o Islam, inda que A Meca nunca ostentaría capitalidade política algunha no imperio árabe.

O primeiro califa, Omar (634-644), ante o crecente número de peregrinos, manda derrubar as casas arredor da Kaaba e delimita cun muro un recinto de oración. O seu sucesor, o califa Uthman (644-656) agrándao e cobre con teito sobre arcos e columnas, dando orixe así á Gran Mesquita Al-Haram, que será novamente agrandada, enriquecida, destruída e reconstruída numerosas veces ao longo dos séculos. O califa Al-Mansur (754-775) dobra o tamaño do ala norte e oeste e o seu sucesor Al-Mahdi, no 777, ordena a reconstrución demolendo máis casas arredor, nun plan reticular de 196x142m con tres minaretes. En 1399 produciuse un incendio e tamén un asolagamento, tras os cales procedeuse a unha nova reconstrución, en 1405.

Xa baixo o poder otomán, en 1571 o sultán Selim II ordenou a remodelación da mesquita ao seu arquitecto Sinan, quen erixiu un teito abovedado sostido por novas columnas. Ademais, en 1629 foi restaurada e a Kaaba reconstruída. O recinto da mesquita ocupaba 192x132m e tiña sete minaretes, mantendo esta estrutura básica ata 1918.[3]

Mentres A Meca, o organismo urbano, conservou tamén a súa disposición histórica ata o século XX , trepando polos outeiros arredor do gran templo no val, e crecendo ao longo das rutas que partían da cidade.[4][5][6]

Baixo a Dinastía Saudí [editar]

Tras un efémero reino de Hiyaz do que foi capital (1916-1924), a dinastía Saudí, fundadora do moderno estado de Arabia Saudita, impulsou a ampliación da Gran Mesquita (1955-1973 e 1982 ata o presente[7]), con extensas demolicións arredor[8] converténdoa no edificio relixioso maior do mundo, ao calor dun crecente número de peregrinos que contabilízanse xa por millóns. Toda unha rede de infraestruturas tense construído para o seu romaxe.[9][10] Ademais, na actualidade, lévanse adiante vastos proxectos urbanísticos nas inmediacións da mesquita que teñen implicado ou o farán a virtual desaparición do tecido e arquitectura tradicionais, substitutos por xigantescos rañaceos e barrios de apartamentos de luxo.[11][12]

Notas [editar]

Véxase tamén [editar]

Ligazóns externas [editar]