A Cabreira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Cabreira, en lingua leonesa Cabreira, é unha subcomarca do Bierzo no suroeste da provincia de León, contigua coa comarca de Valdeorras na provincia de Ourense.

Localización[editar | editar a fonte]

Polo sur beirea coa comarca da Seabra, na provincia de Zamora. Consta de cinco concellos: A Ponte de Domingos Flórez, Benuza, Encinedo (Encinéu), Castrillo de Cabrera e Truchas (Trueitas). Podese dividir entre a Cabreira Baixa (tendo como centro A Ponte de Domingos Flórez) e a Cabreira Alta (A Baña).

Na parte máis occidental desta comarca fálase aínda o galego e a lingua leonesa no resto do territorio. A superficie da comarca é de 959 km², e a súa poboación (INE, 2005) de 4.334 habitantes. A densidade de poboación é moi baixa, arredor de 4,5 hab/km².

Na comarca atópanse restos dos carrís romanos que servían para levar a auga dalgúns afluentes do río Cabreira e da conca do río Ería ata as minas de ouro das Médulas, situada nas proximidades. Tamén se atopan castros prerromanos (Lleres, A Ponte de Domingos Flórez e Corporales).

Na actualidade, a principal e case soa actividade económica son as canteiras de lousa, que en contrapartida do benestar económico ocasionan fortes danos á paisaxe e ao medio ambiente.

Clima[editar | editar a fonte]

O clima da comarca vén determinado por tres compoñentes principais: a altitude (entre os 376 metros da Ponte de Domingos Flórez e os máis de 1200 en Forna), a influencia oceánica do Atlántico xa continentalizada, e a baixa latitude, que fan que se dean na comarca trazos climáticos mediterráneos (seca estival e temperaturas medias no verán elevadas). Conforme a estación meteorolóxica máis próxima, a media anual rolda os 12.7 graos (xaneiro 5 °C, agosto 21 °C, existen de catro a cinco meses de seca, con meses de xullo e agosto que non chegan aos 20 mm mensuais), e cunhas precipitacións totais comprendidas entre os 800 e 1100 mm, e ao redor das 2.100 horas por ano.

Serra da Cabreira