Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "ACNUR")
Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados
Office of the United Nations High Commissioner for Refugees (UNHCR)
Nobel prize medal.svg
Nobel prize medal.svg
Fundación: 14 de decembro de 1950
Líder: António Guterres
Dependente: Nacións Unidas
http://www.unhcr.org/

O Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR) é o organismo das Nacións Unidas encargado de protexer os refuxiados e desprazados por persecucións ou conflitos, e promover solucións duradeiras á súa situación, mediante o reasentamento voluntario no seu país de orixe ou no de acollida. Ten a súa sede en Xenebra, Suíza, e máis de 250 oficinas esparexidas por todo o mundo. O dereito ao asilo e refuxio está contemplado na Declaración Universal de Dereitos Humanos do seguinte xeito:

  1. En caso de persecución, toda persoa ten dereito a buscar asilo, e a desfrutar del, en calquera país.
  2. Este dereito non poderá ser invocado contra unha acción xudicial realmente orixinada por delitos comúns ou por actos opostos aos propósitos e principios das Nacións Unidas.
    Artigo 14 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos (1948)

Concedéuselle o Premio Nobel da Paz en dúas ocasións, nos anos 1954 e 1981, así como o Premio Príncipe de Asturias de Cooperación Internacional en 1991.

Concede anualmente o premio Nansen Refugee Award, (coñecido anteriormente como a Medalla Nansen), a individuos ou grupos que destacaran na causa dos refuxiados.

Creación de ACNUR[editar | editar a fonte]

Sede de ACNUR en Xenebra

O Estatuto da Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados foi adoptado na resolución 428 (V) da Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 14 de decembro de 1950, e iniciou as súas funcións no mes primeiro de 1951, tendo como primeiro decreto o de axudar a reasentar máis dun millón de refuxiados europeos que aínda estaban sen fogar como consecuencia da Segunda Guerra Mundial.

Os antecedentes históricos directos de ACNUR foron:

  • A designación por parte da Sociedade de Nacións dun Alto Comisionado para os Refuxiados en 1922, Fridtjof Nansen
  • A Administración de Socorro e Rehabilitación das Nacións Unidas (United Nations Relief and Rehabilitation Administration)[1] entre 1943 e 1949, creada para axudar aos refuxiados da Segunda Guerra Mundial (aquí o termo Nacións Unidas fai referencia aos países coñecidos como aliados, non á ONU)
  • Organización Internacional dos Refuxiados (International Refugee Organization), axencia especializada das Nacións Unidas de 1946 a 1952.

A Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados de 1951 definiu o concepto de refuxiado e estableceu o tratamento que debe recibir, e o Protocolo de 1967 unificou varias resolucións adicionais para ampliar o marco de actuación de ACNUR e os países adheridos.

Alcance actual[editar | editar a fonte]

Paquetes de axuda de ACNUR en Daadab, Kenya, decembro de 2006

Pola expansión das actividades de ACNUR a todo o mundo, e a desprazados dentro dun país ademais de internacionais, o número de persoas que son obxecto de preocupación para ACNUR aumentou considerablemente desde os seus inicios, ao tempo que se acentuou a complexidade do problema do desprazamento forzado. En total, até principios do século XXI, proporcionou asistencia a máis de 111 millóns de refuxiados e desprazados.

A finais de 2009, a poboación total baixo o amparo de ACNUR era de 40 millóns de persoas, en países de todo o mundo. As nacionalidades de orixe da maior parte dos refuxiados ou desprazados son afgáns (2,9 millóns), colombianos (2,5 millóns), iraquís (1,8 millóns), sudaneses (1,6 millóns) e somalís (839.000), sendo os países de acollida principais Colombia (2 millóns), Iraq (1,6 millóns), Paquistán (1,1 millóns), Sudán (1 millón) e Afganistán (960.000).

Persoal de ACNUR[editar | editar a fonte]

Traballan para ACNUR unhas 7000 persoas por 116 países. Desde principios da década de 1980, ACNUR empezou a traballar con Embaixadores de Boa Vontade,[2] isto é, persoas de renome que empregan a súa fama ou acceso aos medios de comunicación para buscar apoios en favor da causa dos refuxiados. Embaixadores de Boa Vontade de ACNUR e ano do seu nomeamento:

Altos Comisionados[editar | editar a fonte]

Nome Data
António Guterres 15 de xuño de 2005-presente
Wendy Chamberlin 20 de febreiro de 2005– 15 de xuño de 2005, provisional
Ruud Lubbers 2001– 20 de febreiro de 2005
Sadako Ogata 1990–2000
Thorvald Stoltenberg xaneiro – novembro de 1990
Jean-Pierre Hocké 1986–1989
Poul Hartling 1978–1985
Sadruddin Aga Khan 1965–1977
Félix Schnyder 1960–1965
Auguste R. Lindt 1956–1960
Gerrit Jan van Heuven Goedhart 1951–1956

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Alto Comisionado para os Refuxiados da Sociedade das Nacións" (en español). ACNUR. http://www.acnur.org/index.php?id_pag=374. Consultado o 8 de agosto de 2012.
  2. [1] Consultado o 8 de agosto de 2012

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]