A irmandade da uva

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A irmandade da uva
Título orixinalThe Brotherhood of the Grape
Autor/aJohn Fante
CubertaXosé Manuel Buxán Bran
OrixeEstados Unidos
Linguainglés
Xénero(s)Novela, Realismo sucio
Editorial HarperCollins
Galicia Editorial Hugin e Munin
Data de pub. 1977
Galicia 2013
FormatoTapa branda con lapelas. 20 x 13,5 cm
Páxinas232
ISBN 0-87685-726-8
Galicia 978-84-91211-4-2
TraduciónAdrián Estévez
editar datos en Wikidata ]

A irmandade da uva[1] é unha novela en lingua inglesa escrita polo italo-americano John Fante. Publicada en 1977 como The Brotherhood of the Grape, foi traducida ao galego por Adrián Estévez[2] e publicada por Editorial Hugin e Munin en 2013.[1]

Trama[editar | editar a fonte]

Henry Molise, álter ego de Fante, recibe unha chamada do seu irmán, quen lle di que a nai quere divorciarse do pai, Nick. Henry desprázase á casa familiar e ao chegar atópase coa rutina de sempre: o pai cos amigos, bébedo de viño e xogando ao póker, a nai desculpándoo e os dous irmáns preocupados polos seus propios asuntos.

A nai e o pai convénceno para ir co vello Nick, albanel xa xubilado, facer unha pequena construción de pedra. Aínda que nun principio é remiso, rematan traballando xuntos, bébedos desde o primeiro día.

Ao remataren logo dunha semana, a construción resulta torta e fráxil, ao contrario que as anteriores obras de Nick. Esa mesma noite a chuvia bota abaixo as pedras. Nick volve embebedarse e sofre un ataque de diabetes, polo que é ingresado. No hospital di que vai deixar de beber, pero ao pouco escapa do hospital para a última esmorga cos amigos. Finalmente morre, e a familia xúntase de novo tralo velorio. Remata así «la storia di quattro italiani vecchi e ubriaconi» (a historia de catro italianos vellos e borrachos).

Narración[editar | editar a fonte]

A obra está narrada en primeira persoa. Ten unha narración lineal durante un mes, desde que recibe a chamada até o funeral, pero con numerosas analepses á infancia e mocidade do escritor. Nestas fala da súa relación co pai cando era novo, así como da súa marcha da casa cara á costa do estado de California na procura de traballo.

Adaptacións[editar | editar a fonte]

Amais da edición en galego, a novela foi traducida, entre outros idiomas, ao castelán (Hermanos de vino, por Mireia Bofill en 1977; La hermandad de la uva, por Antonio Prometeo-Moya en 2004), francés (Les Compagnons de La grappe, por Brice Matthieussent en 1988), italiano (La confraternita del Chianti, por Francesco Durante en 1990; La confraternita dell'uva en 2004), alemán (Unter Brüdern, por Michael Kirchert en 1990), polonés (Bractwo winnego grona, por Magdalena Koziej en 2007), portugués (A confraria do vinho, por Luís Ruivo en 2007; A irmandade da uva, por Roberto Muggiati en 2013) ou o serbio (Bratstvo loze, en 2012) [3].

A novela foi adaptada para ser levada ao cine por Robert Towne. A película ía ser dirixida por Francis Ford Coppola, mais o proxecto non prosperou. Pola súa parte, Curtis Hanson tamén preparou unha adaptación, con Burt Lancaster como protagonista, que tampouco saíu adiante.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 A irmandade da uva. Traducido por Adrián Estévez (1ª ed.). Santiago de Compostela: Editorial Hugin e Munin. 2013. ISBN 978-84-941211-4-2 – vía Biblioteca da Tradución Galega. 
  2. Editorial Hugin e Munin (ed.). "Catálogo da Editorial Hugin e Munin (actualizado o 1 de xaneiro de 2019)" (PDF). p. 18. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 3 de abril de 2019. Consultado o 26 de marzo de 2019. 
  3. Edicións de A irmandade da uva (en inglés)
  4. "Unproduced and unfinished films: an ongoing film comment project", artigo en Film Comment (consultado o 18 de novembro de 2012) (en inglés).