2001: Unha odisea do espazo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «2001: Unha odisea espacial»)

2001: Unha odisea do espazo
Logo do filme.
Ficha técnica
Título orixinal2001: A Space Odyssey
DirectorStanley Kubrick
ProdutorStanley Kubrick
GuiónStanley Kubrick
Arthur C. Clarke
IntérpretesKeir Dullea
Gary Lockwood
FotografíaGeoffrey Unsworth
MontaxeRay Lovejoy
DistribuidoraMetro-Goldwyn-Mayer
EstreaUptown Theater: 2 de abril de 1968
3 de abril de 1968
15 de maio de 1968
Duración161 minutos (estrea)
142 minutos (cines)
OrixeEstados Unidos de América Estados Unidos[1]
Reino Unido Reino Unido[1]
XéneroFicción científica
Orzamento$10,5–12 000 000[2][3]
Recadación$138–190 000 000[4]
Na rede
IMDB: tt0062622 Filmaffinity: 171099 Allocine: 27442 Rottentomatoes: m/2001_a_space_odyssey Mojo: 2001 Allmovie: v169 TCM: 628 Metacritic: movie/2001-a-space-odyssey TV.com: movies/2001-a-space-odyssey Netlix: 207856Editar o valor em Wikidata

2001: Unha odisea do espazo (en inglés: 2001: A Space Odyssey) é un filme británico-estadounidense de ciencia ficción producido e dirixido por Stanley Kubrick que se estreou en 1968. O guión, escrito por Kubrick e Arthur C. Clarke, está parcialmente baseado na historia curta de Clarke "The Sentinel". Posteriormente, Clarke escribiu a novela 2001: A Space Odyssey, que foi publicada pouco despois da estrea. Conta a historia dunha viaxe a Xúpiter coa computadora Hal despois do descubrimento dun misterioso monólito negro que afecta á evolución do home. No filme trata os temas do existencialismo, a evolución humana, a tecnoloxía, a intelixencia artificial e a vida extraterrestre. Destaca pola súa exactitude científica na descrición dun voo espacial, polos seus efectos especiais pioneiros e pola súa ambigua imaxinería. Emprega o son e un diálogo mínimo no canto das técnicas narrativas tradicionais e a banda sonora está formada por obras da música clásica como Danubio Azul e Also sprach Zarathustra.

Financiado e distribuído polo estudio estadounidense Metro-Goldwyn-Mayer,[5][6] 2001: A Space Odyssey foi rodado e editado case na súa totalidade en Inglaterra, empregando as instalacións da subsidiaria de MGM, "MGM British" e os Estudios Shepperton, escollidos pola súa maior capacidade de profundidade de son. A produción foi subcontratada á produtora de Kubrick e tívose en conta que o filme fose suficientemente británico para que tivese dereito de subvención de Eady Levy.[5]:98 Tendo rodado outros dous filmes en Inglaterra, despois de 2001: A Space Odyssey, Kubrick decidiu asentarse alí permanentemente para as súas rodaxes.

Foi estreada en galego pola Televisión de Galicia o 9 de maio de 2009.[7]

Sinopse[editar | editar a fonte]

O filme está dividido en catro capítulos, ou apartados, que representan tres épocas diferentes no tempo. Os capítulos aparecen de xeito cronolóxico comezando no pasado e finalizando no futuro sen pasar polo presente (tendo en conta que o filme estreouse no ano 1968). Cada capítulo, bardante o segundo, vén precedido por un título. O filme comeza coa Terra ascendendo sobre a Lúa, e co Sol á súa vez ascendendo sobre a Terra, todos aliñados. A imaxe está acompañada da peza Also sprach Zarathustra de Richard Strauss.

O amencer do home[editar | editar a fonte]

Hai uns catro millóns de anos, un grupo de primates fan vida cotiá nunha árida sabana: vagan na procura de alimento e conviven de forma pacífica. Despois un dos membros da manda é atacado por un leopardo.

A manda comeza a disputar con outro grupo de primates pola auga dunha poza e polo espazo vital, pero sen chegaren ao contacto físico. Despois, os primates temen a escuridade nocturna e os seus depredadores, descansando con sono nervioso no fondo dun pequeno covo.

Nun amencer, un dos primates esperta e encontra fronte ao refuxio un monólito negro, un bloque ortoédrico perfecto de varios metros de altura que provoca a alarma no grupo e un primeiro momento de confusión e medo. Aos poucos, vanse achegando ao obxecto, e rematan acariciándoo.

No seguinte plano un dos simios decátase de que pode usar un óso como ferramenta e arma, incluíndose flashbacks do monólito, dando a entender que este motivou certos cambios na conduta dos primates e que lles deu certo grao de conciencia sobre os recursos dispoñibles para sobrevivir, sendo capaces de matar animais e comer carne. Outra mañá, arrebatan o control da charca á outra manda, matando no proceso ao líder rival. Exultante coa vitoria, o primate vencedor lanza o óso ao aire.

Ten lugar entón unha enorme elipse temporal na narración: o óso que ascende no aire convértese nunha nave espacial que vai da Terra á Lúa no ano 1999.

TMA-1 (Anomalía Magnética de Tycho no. 1)[editar | editar a fonte]

En 1999 o doutor Heywood Floyd viaxa da Terra á Lúa. Primeiro vai nun avión-foguete que o leva até unha estación espacial en órbita. A manobra de aproximación é unha coreografía espacial coa música de Danubio Azul de Johann Strauss (fillo). Na estación espacial as actividades desenvólvense nos aneis exteriores circulares, que posúen gravidade debido á forza centrífuga da rotación do conxunto, mentres que na parte central, onde está o hangar para as naves, esta rotación non provoca gravidade. Durante a estancia, o doutor Floyd realiza unha videoconferencia coa súa filla na Terra e ten un encontro con científicos doutros países (algúns da URSS), que lle preguntan sobre a estraña incomunicación coa base estadounidense de Clavius, e se son certos os rumores que apuntan a unha epidemia nela. Despois o doutor Floyd continúa a viaxe á Lúa, facéndose a aterraxe de novo co Danubio Azul soando.

Cráter Tycho.

O doutor Floyd viaxou para facerse cargo da investigación do descubrimento dun monólito negro de perfecta forma ortoédrica (a mesma clase de monólito que apareceu na escena inicial) e superficie lisa, enterrado no cráter Tycho e descuberto durante unha análise magnética da superficie lunar, polo que foi bautizado TMA-1 (Tycho Magnetic Anomaly #1 ou Anomalía magnética de Tycho número 1).

O monólito resístese a calquera tipo de análise da súa estrutura ou das súas características, e tampouco demostra ningún tipo de actividade. Porén, considérase obvio que foi fabricado por unha civilización extraterrestre avanzada, que fora enterrado intencionadamente e que era a primeira proba real da existencia de vida extraterrestre, polo que de momento se debía manter en segredo. Trala chegada do grupo do doutor Floyd até a escavación, marabillándose ao ver e tocar algo tan perfecto, plano e insondable, comeza a amencer nesa parte da Lúa, e o monólito, ao recibir o primeiro raio de Sol des que fora enterrado, emite unha potente sinal acústica que deixa atordados os presentes.

Misión a Xúpiter[editar | editar a fonte]

No ano 2001 a nave espacial Discovery 1 viaxa cara a Xúpiter con cinco tripulantes (tres en hibernación e dous espertos, David Bowman e Frank Poole) xunto cun supercomputador de última xeración chamado HAL 9000 que goberna a nave utilizando intelixencia artificial, o que lle permite comunicarse cos humanos mediante a fala. A vida a bordo é monótona: os tripulantes comen, dormen, fan exercicio, xogan ao xadrez coa computadora, comunican regularmente á Terra o desenvolvemento da misión e manteñen triviais conversas persoais cos coñecidos da Terra (cun retardo de 7 minutos debido á distancia). Nada se di sobre a misión, máis alá dunha exploración da contorna de Xúpiter, e non hai ningunha conversa que mencione TMA-1 ou algo relacionado.

Pouco antes de chegar ao punto de destino, HAL 9000 pregunta a David Bowman se non ten dúbidas sobre a misión e o secreto da mesma, mais ao responder este de forma negativa, o computador autointerrómpese para anunciar un fallo nunha unidade de comunicacións que podería dar lugar á perda da conexión coa Terra. David Bowman sae da Discovery nunha das pequenas naves esféricas con brazos de manipulación nun paseo espacial para substituír a unidade teoricamente avariada. Cando regresa ao interior as análises da unidade son correctas, e desde o control da misión en Terra, cun computador similar ao da nave, tampouco encontran fallo ningún, o que pon en dúbida a fiabilidade de HAL 9000.

Bowman e Poole toman precaucións para que HAL non os escoite falar sobre a posibilidade de desconectar as súas funcións superiores, pero o computador logra ler os labios dos astronautas. HAL volve diagnosticar o fallo futuro da unidade substituída, tomándose a decisión de volver deixar a orixinal para comprobar se acaba fallando ou non, pero á vez confirmando os problemas de fiabilidade de HAL. Neste caso é Poole quen sae a realizar a substitución, pero cando sae da pequena nave esférica, HAL toma o control da mesma e a lanza sobre o astronauta, provocando a despresurización do seu traxe espacial e enviándoo lonxe da Discovery.

Bowman non ten claro o que sucedeu, HAL parece non sabelo tampouco e Frank non responde, polo que monta noutra das pequenas naves e sae a rescatar o seu compañeiro. Con Bowman fóra, HAL provoca a morte dos tripulantes hibernados. Bowman logra chegar até Poole, pero xa está morto, así que o recolle e regresa á Discovery, pero HAL non lle abre o hangar. Decide intentar unha manobra arriscada que HAL non cre que poida conseguir: abandona a Frank Poole no espazo, abre a porta exterior de emerxencia da Discovery cos brazos articulados da pequena nave (pois a apertura manual escapa ao control de HAL) e coloca o zapón da nave orientada cara a ela. Despois, activa a saída de emerxencia do zapón, sendo lanzado cara ao interior da Discovery, onde consegue presurizar a cámara de acceso.

Xa con casco, para evitar a despresurización provocada por HAL 9000, Bowman vai á sala onde está o hardware do computador para desconectalo. Durante o percorrido, HAL parece querer explicar o sucedido, desculpándose por todo e pedindo que non o desconecte. David vai extraendo unha a unha as tarxetas de memoria; pouco a pouco vanse desconectando as funcións de HAL, que suplica compaixón a David, pero cada vez con máis problemas de comunicación até que parece retomar as súas funcións primordiais e primeiras aprendizaxes, como unha canción ("Daisy", de Harry Dacre, 1892) e, por fin, desactívase. Ao quedar HAL desconectado, ponse en marcha unha gravación que informa a David Bowman da verdadeira misión: a investigación da orixe do sinal emitido por TMA-1 en 1999, nun punto próximo a unha das lúas de Xúpiter.

Xúpiter e máis alá do infinito[editar | editar a fonte]

Tempo despois, David Bowman chega ás proximidades de Xúpiter na Discovery e sae nunha das naves esféricas a investigar un enorme monólito negro que orbita a lúa Ío e que foi a orixe do sinal similar á do TMA-1 en 1999. Non parece haber interacción algunha, pero de socato, ao achegarse cara a el considerablemente e situarse fronte a unha conxunción astral lineal que forma unha cruz co monólito situado perpendicularmente, David comeza unha viaxe estraña por unhas paisaxes psicodélicas de luz e cor a grande velocidade.

A escena cambia repentinamente e Bowman aparece dentro da pequena nave pero, á vez, no interior dunha estraña habitación decorada ao estilo Luís XVI. Bowman sae da nave, intentando entender que é aquilo. Finalmente, nunha rápida sucesión, vese a si mesmo cada vez máis vello até acabar moribundo na cama fronte ao monólito. Repentinamente, Bowman toma forma de feto dentro dunha esfera transparente na cama da habitación, pasando despois a flotar no espazo sobre a Terra na escena final, de novo coa música de Also sprach Zarathustra.

Personaxes[editar | editar a fonte]

Música[editar | editar a fonte]

O filme conta con música de Richard Strauss (a introdución de Also sprach Zarathustra), Johann Strauss filloGyörgy Ligeti que acompañan as imaxes do espazoAlex North compuxo unha obra musical para o filme, mais Stanley Kubrick non a incluíu, aínda que saíu á luz da man de Jerry Goldsmith 25 anos despois. A dirección e deseño dos efectos visuais foron obra de Kubrick, sendo supervisados por Wally Veevers.

Stanley Kubrick empregou a música de Ligeti sen solicitar permiso nin aboar dereitos de autor, polo que o compositor debeu presentar unha denuncia a pesar da admiración que mostrou pola película. Kubrick incluíu na banda sonora até catro obras de Ligeti: Réquiem, Lux AeternaAtmosphères e Aventures. É o Réquiem o que acompaña as aparicións do monólito e tamén é a micropolifonía de Ligeti a que soa durante a abstracta viaxe final de David Bowman: con iso Kubrick fai realmente un percorrido pola música do século XX que comeza con Zaratustra e culmina con Ligeti, para volver iniciar o ciclo cos acordes finais da obra de Strauss.[Cómpre referencia]

Herdanza[editar | editar a fonte]

2001: Unha odisea do espazo inspirou no seu momento a miles de persoas a seguir carreiras científicas afíns coa astronáutica, a astronomía e a tecnoloxía da informática (Intelixencia artificial).[Cómpre referencia] Os seus efectos especiais e os seus vangardistas elementos tecnolóxicos foron un modelo a seguir para os seguintes filmes e novelas do xénero da ciencia ficción. Dende a súa estrea, inspirou a varias producións posteriores do xénero de ciencia ficción, entre elas A guerra das galaxiasBlade RunnerAlien etc. Varios directores recoñecidos coma George Lucas ou Ridley Scott[Cómpre referencia] declararon ao filme coma o que cambiou e definiu o xénero anteriormente citado.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 British Film Institute (ed.). "2001: A Space Odyssey (1968)". Arquivado dende o orixinal o 20 de marzo de 2015. Consultado o 21 de xuño de 2014. 
  2. Miller, Frank. Turner Classic Movies, ed. "Behind the Camera on 2001: A SPACE ODYSSEY". Consultado o 24 de decembro de 2014. 
  3. Box Office Mojo (ed.). "2001: A Space Odyssey (1968)". Consultado o 20 de marzo de 2012. 
  4. Miller, Frank. Turner Classic Movies, ed. "The Critics' Corner on 2001: A SPACE ODYSSEY". Consultado o 24 de decembro de 2014. 
  5. 5,0 5,1 James Chapman; Nicholas J. Cull (5 de febreiro de 2013). I.B.Tauris, ed. Projecting Tomorrow: Science Fiction and Popular Cinema. pp. 97–. ISBN 978-1-78076-410-8. 
  6. McAleer, Neil (1 de abril de 2013). RosettaBooks, ed. Sir Arthur C. Clarke: Odyssey of a Visionary: A Biography. pp. 140–. ISBN 978-0-9848118-0-9. 
  7. La Voz de Galicia, 9 de maio de 2009. Páx. 63
  8. "The Underview on 2001: A Space Odyssey - Cast and Crew". Arquivado dende o orixinal o 08 de novembro de 2016. Consultado o 30 de setembro de 2013. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]