101 Philosophy Problems

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

101 Philosophy Problems
Autor/aMartin Cohen
OrixeReino Unido
Data de pub.1999
editar datos en Wikidata ]

101 Philosophy Problems, 101 problemas de filosofía en galego, é un libro escrito por Martin Cohen e publicado en 1999 pola editorial Routledge e traducido a varios idiomas, como alemán, estoniano, grego, coreano, holandés, español, chinés, portugués, xaponés, etc. A filosofía non é só unha ciencia que te invita a pensar, senón que tamén é a ciencia que dá resposta a aquelas preguntas que outras ciencias non poden contestar ou contestan ofrecendo explicacións que, como se di no libro, non son explicacións, senón simplemente descricións de mecanismos. É dicir, a filosofía vai máis alá doutras ciencias, vai máis alá da razón.

A filosofía enriquece o noso intelecto, por iso Martin Cohen a trata como unha actividade que debemos desenvolver e intenta introducirnos de forma amena e orixinal nela. Cohen define a filosofía no seu libro de catro maneiras: amor á sabedoría, amor polas contradicións, amor pola sofística, e a última definición ten que ver coa busca de valores e significados humanos.

Resumo[editar | editar a fonte]

101 problemas de filosofía é un libro que incita a pensar, criticamente, sobre problemas filosóficos entre os que se poden distinguir dous tipos: os relativamente fáciles de resolver, xa sexa con axuda dos comentarios finais ou non, e os que non teñen unha solución definida e que carrexan outros “subproblemas”; dentro dos subproblemas ocorre outro tanto, poden ou non solucionarse e así continuarían unha e outra vez estes problemas... Que problema!

O libro divídese en catro partes: introdución, problemas filosóficos, comentarios dos problemas e glosario.

Na introdución do libro fálase de libros e filósofos que tratan algúns problemas filosóficos ao igual que este libro pero que, a diferenza deste, non puideron atopar máis que unha ducia de problemas filosóficos.

O autor tamén dá na introdución unha serie de consellos para facilitar a lectura do libro:

  • Non lelo todo dunha vez, senón tomar os problemas con calma e un a un, xa que moitos problemas seguidos poderían provocar algún problema mental.
  • Non descompoñer os problemas na súa forma lóxica, xa que é esencialmente a ciencia da proba dedutiva.
  • Ter a mente liberada para axudar a comprender os problemas.

O libro enuncia 101 situacións diferentes e unha reflexión final a modo de pregunta que divide en 15 grupos, nos que basicamente predominan temas paradoxais, matemáticos, éticos e morais, relacionados co tempo, con Deus e co coñecemento, e tamén falan de problemas de Zenón de Elea, Descartes, Schopenhauer, Kant e outros. Todos estes problemas abarcan as dificultades que tivo o home ao longo da súa existencia.

Os problemas paradoxais, como indica o seu nome, tratan de paradoxos (expresións e imaxes contraditorias) e expoñen crebacabezas de interese filosófico, como por exemplo o paradoxo do primeiro problema cando o reo debe dicir unha verdade para ir ó cárcere ou será colgado e finalmente acada a liberdade escribindo nun papel “Serei executado mañá”, este paradoxo sería do tipo dun que tivo ocupados aos filósofos durante séculos, o do cretense Epiménides que dixo “Todos os cretenses son mentireiros”. Nos paradoxos de Zenón, intenta demostrar que as sensacións que obtemos do mundo son ilusorias e non existe o movemento.

Nos problemas matemáticos predomina a lóxica, xa que é a forma matemática de ver o mundo e os filósofos foron atraídos pola lóxica durante séculos. Os problemas éticos e morais intentan poñernos en situacións nas que nos poderiamos ver involucrados calquera día e preguntan pola nosa opinión, se os actos realizados polos personaxes, como no que un profesor de universidade ha de deixar que afogue un can porque sempre cae no mesmo pozo e non lle da tempo a chegar a tempo á súa clase, son moralmente correctos ou non.

Os problemas relacionados co tempo discuten sobre as concepcións que temos dos termos “presente”, “pasado” e “futuro”, os relacionados con Deus, sobre o poder e a bondade de Deus no planeta, e os relacionados co coñecemento son “simples” problemas filosóficos como o de se a neve é branca, se todos os solteiros son realmente homes non casados ou un dos problemas de Schopenhauer que pregunta se é mellor a vida de solitaria contemplación que a compañía social ou que o amor.

Logo dos problemas, sitúanse os comentarios destes, nos que Cohen ofrece explicacións e análises das cuestións enunciadas, con algunhas referencias ao tratamento que lles deron outros filósofos históricos, que serven de axuda á hora de intentar resolver un problema, ofrecendo unha nova visión do mesmo.

Non se debe acudir aos comentarios nada máis ler un problema, hai que ser pacientes, xa que este libro é un libro para reflexionar mentres se le e tamén despois de lelo.

Despois dos comentarios, pódense aumentar e continuar os estudos filosóficos, academicamente falando, mediante o glosario e a guía de lectura. No glosario fálase de filósofos antigos e filósofos modernos, pasando por todos os termos que utilizaron eles e a filosofía en xeral; e na guía de lectura danse nomes de libros tamén filosóficos que poderían ser de axuda a calquera interesado na filosofía para comprendela mellor e incluso para poder nalgunha ocasión filosofar.

Tanto nos problemas, coma nos comentarios e no glosario tamén, podemos atopar citas célebres de filósofos tales como George Berkeley, Hume ou Schopenhauer.

Así a todo, con este libro é posíbel adquirir unha base e uns fundamentos filosóficos para introducirse no mundo da filosofía, pero en ningún caso para filosofar.

E para rematar, un dos problemas do libro para pensar na verosimilitude da vosa existencia, un dos grandes problemas de René Descartes:

Como podo saber que non estou sumido nalgún pesadelo de proporcións inusuais, dende logo, que segue e segue con consistencia irritante e prolixa pero que non por iso deixa de ser unha emanación, algo completamente alleo á realidade? Como podo saber que non estou engaiolado nos manexos dun xenio maligno, destinados a enganarme?

Ou nas mans, quizais, dun médico maligno? Un médico malvado que rescatou o meu cerebro dun horroroso accidente (de tráfico, con todo esnaquizado) e que agora me ten metido nunha probeta chea de produtos químicos como parte dun espectral experimento médico. Estaranme alimentando con “datos sensíbeis” por medio de cables de cores: vermello para o oído, negro para o tacto, amárelo para o gusto, azul para a vista…?

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]