Óscar I de Suecia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Óscar I de Suecia
Oscar I av Sverige en (en sueco)
Oskar I av Sverige og Noreg (en noruegués)
Rei de Suecia e de Noruega
Óscar, príncipe de Suecia, por Joseph Karl Stieler

Reinado8 de marzo de 1844-
8 de xullo de 1859
Nome completoJoseph François Oscar Bernadotte
Nacemento4 de xullo de 1799
París, Primeira República Francesa
Falecemento8 de xullo de 1859
Estocolmo, Suecia
SepulturaIgrexa de Riddarholmen
PredecesorCarlos XIV Xoán
SucesorCarlos XV
ConsorteXosefina de Leuchtenberg
Descendencia
  • Casa realCasa de Bernadotte
    ProxenitoresJean-Baptiste Jules Bernadotte
    Desideria Clary

    Escudo de Óscar I de Suecia
    Escudo de armas de Óscar I
    Na rede
    Musicbrainz: 89b0fa6a-c89c-4c14-8a69-bda56d545de8 IMSLP: Category:Oscar_I WikiTree: Bernadotte-6 Find a Grave: 8509145 Editar o valor em Wikidata

    Óscar I, nado o 4 de xullo de 1799 en París,[1] no número 291 da Rue Cisalpina (hoxe: 32, Rue de Monceau),[2] na Primeira República Francesa, e finado o 8 de xullo de 1859, en Estocolmo, Suecia, foi rei de Suecia e de Noruega desde 1844 a 1859.[1]

    O seu nome de nacemento era Joseph François Oscar Bernadotte. O nome francés Joseph François Oscar en sueco é Joseph Frans Oscar. Pero o propio rei e os escritores modernos escribiron o seu nome como Oscar, mentres que a familia real sueca utiliza a ortografía Oskar.[3]

    Óscar promoveu a prosperidade económica dos seus dous reinos mellor que os seus antecesores. Buscou a paz e as reformas sociais que permitiran avanzar cara a un estado de dereito e de maiores liberdades, e pretendeu a integración política dos tres reinos nórdicos.

    Infancia e xuventude[editar | editar a fonte]

    Óscar naceu na cidade de París o 4 de xullo de 1799. Era fillo do ministro da guerra francés Jean-Baptiste Jules Bernadotte e de Desideria Clary.[1] Viviu a súa infancia parcialmente en París ao lado da súa nai, no castelo de Mortefontaine, de Xosé Bonaparte ou no castelo dos Bernadotte. Neste tempo tivo o seu primeiro titor, co que comezaría a súa educación francesa.[4]

    Pouco despois de que seu pai fora designado príncipe herdeiro da coroa sueca (o 21 de agosto de 1810), Óscar ocupou o terceiro lugar na liña sucesoria, tras ser recoñecida a descendencia masculina de Bernadotte como herdeira. Nese tempo Óscar viaxou a Suecia e recibiu o título de duque de Södermanland por parte do rei Carlos XIII.[4]

    Dado o seu importante lugar na liña sucesoria, Óscar aprendeu rapidamente a lingua sueca, o que lle permitiu desempeñar o posto de intérprete de seu pai.

    En 1812 foi nomeado tenente coronel do exército, en 1815 foi ascendido a coronel e, en 1817, a xeneral.

    Durante a década de 1810 aprendeu o idioma noruegués e instruiuse nas diversas áreas do coñecemento humano, como administración pública, dereito, ciencia e arte. Tamén estudou alemán e a relixión protestante luterana, na cal foi confirmado en 1815.[4]

    Príncipe herdeiro[editar | editar a fonte]

    Cando Jean-Baptiste Bernadotte se converteu en rei (co nome de Carlos XIV Xoán de Suecia) en 1818, Óscar foi elevado a príncipe herdeiro de Suecia e Noruega. En 1819 foi nomeado xeneral dos exércitos sueco e noruegués e recibiu o mando de varios destacamentos de infantaría, artillaría e cabalaría.

    En 1822 comprometeuse con Xosefina de Leuchtenberg, filla de Eugène de Beauharnais e neta da emperatriz Xosefina. A voda celebrouse en Estocolmo o 19 de xuño de 1823.[1]

    Desde febreiro de 1824 o príncipe ocupou brevemente o cargo de vicerrei de Noruega e, xunto coa súa esposa, estableceu a súa residencia na cidade de Kristianía. O 11 de outubro declinou o cargo e regresou a Estocolmo. Novamente sería vicerrei de 1833 a 1834, cando participou na refundación do parlamento noruegués. Nos anos seguintes, cando o seu pai estaba de visita en Noruega, Óscar encargouse por vez primeira do goberno.

    A casa real Bernadotte en 1857.[5]

    Foi director da Real Academia Sueca das Artes e da Universidade de Lund en 1824. Cultivou tamén a litografía e a composición musical. Neste último campo, o príncipe herdeiro Óscar compuxo unha marcha fúnebre que se interpretou no funeral de do rei Carlos XIII; este foi o seu primeiro traballo público de alto nivel. A fama desta composición foi amplamente difundida, e Ludwig van Beethoven escribiulle ao seu pai, Carlos Xoán, ofrecéndose para contribuír ao desenvolvemento do talento musical do príncipe herdeiro. Había unha vella amizade entre Beethoven e Carlos Xoán, establecida no período en que Bernadotte residiu en 1798 como ministro francés en Viena.[6]

    En 1840 publicou un escrito acerca do sistema penitenciario sueco, onde expuso as súas propostas de reforma do mesmo, impugnando a pena de morte, a tortura e a deportación, e favorecendo a mellora das condicións carcerarias e dos dereitos humanos nas prisións. A súa obra foi traducida a varios idiomas europeos (noruegués, alemán, francés, holandés, inglés, italiano) e fíxoo merecedor da gran prestixio internacional.

    Rei de Suecia e de Noruega[editar | editar a fonte]

    Xosefina de Leuchtenberg, esposa de Óscar I, nun retrato de 1835.

    Óscar tomou as rendas do goberno o 8 de marzo de 1844 e foi coroado en Estocolmo o 28 de setembro do mesmo ano (nunca foi coroado en Noruega). Desde un principio o seu goberno estivo restrinxido pola pugna no parlamento entre liberais e conservadores, así como polo seu consello de ministros bastante plural e pola súa propia irresolución.

    O rei mostraba certas tendencias liberais moderadas, posición que resultou incómoda tanto para a ala conservadora como para a liberal, o que supuxo o rexeitamento continuo das propostas enviadas polo monarca. A presión exercida desde o parlamento foi fundamental para os constantes cambios no seu consello de ministros. Concedeu especial interese á política social e pronunciouse en reiteradas ocasións por reformar o sistema xurídico e penal sueco.

    Entre as reformas que puido levar a cabo houbo algunhas importantes destinadas a mellorar a economía do país, como foron a simplificación fiscal e a lexislación aduaneira para o libre comercio. No aspecto social logrou a liberdade de prensa —que foi aproveitada para criticar o rei—, o gravame sobre as bebidas alcohólicas, o establecemento da maioría de idade para as mulleres solteiras aos 25 anos, e o impulso a unha maior liberdade relixiosa.

    Para calmar a inconformidade dos noruegueses, estableceu a igualdade dos dous reinos no seo da unión e dotou esta dun emblema que foi incorporado á bandeira de ambos os reinos. Buscou sen éxito a integración social dos dous pobos, o que botou por terra unha asociación duradeira no futuro.

    Política exterior[editar | editar a fonte]

    Óscar simpatizou co movemento escandinavista xurdido nos grupos estudantís de Copenhague a metade do século XIX e tivo varias reunións co rei de Dinamarca Cristián VIII que propiciaron o acercamento entre ambos os Estados. Cando pouco despois de inicado o reinado de Frederico VII estalou a guerra dos Ducados entre Dinamarca e a Confederación Xermánica e Prusia, Óscar I decidiu intervir do lado danés e enviar tropas sueco-norueguesas a Fionia e Xutlandia e, posteriormente, ao norte de Schleswig. As tropas non tiveron unha participación bélica, senón máis ben actuaron como un factor de presión política. A paz asinouse en 1852, manténdose a integridade do reino de Dinamarca.

    Óscar terminou coa política condescendente do seu pai cara a Rusia. Durante a guerra de Crimea decidiu declarar a neutralidade de Suecia-Noruega en decembro de 1853. Porén foi presionado por Francia e Gran Bretaña en 1855 para participar na coalición contra o tsar. Óscar pretendía nas negociacións coas potencias occidentais arrincar Finlandia (perdida por Suecia) do dominio ruso. Pese a todo, Suecia-Noruega non puido entrar na guerra, pois o conflito terminou pouco despois (abril de 1856). Óscar participou nas negociacións de paz, pero só puido obter a desmilitarización das illas Åland e, en contrapartida, a inimizade con Rusia.

    En 1856, Óscar retomou a súa política escandinavista e entrou en contacto, por medio de emisarios, cos daneses proclives a esta política, o mesmo que con Frederico VII. Pero Francia e Gran Bretaña pronunciáronse en contra dunha posíbel unión nórdica, e o rei danés finalmente desistiu.

    Últimos anos[editar | editar a fonte]

    A saúde de Óscar I, sempre débil, comezou a agravarse a principios da década de 1850 e, en 1857, empeorou drasticamente. Ante a imposibilidade de gobernar, o seu fillo Carlos foi nomeado rexente por acordo do parlamento de ambos os reinos o 25 de setembro dese mesmo ano. Despois dunha longa agonía, falecieu en Estocolmo o 8 de xullo de 1859. Os seus restos mortais repousan na Igrexa de Riddarholmen desa cidade.

    Familia[editar | editar a fonte]

    Casado con Xosefina de Leuchtenberg o 22 de maio de 1823, no palacio de Leuchtenberg, en Múnic, e o 19 de xuño do mesmo ano celebrouse unha cerimonia en Estocolmo.[1] Óscar I tivo tamén un romance extramatrimonial coa famosa actriz sueca Emilie Högqvist, e outra relación coa aristócrata Jaquette Löwenhielm.[7]

    Fillos con Xosefina de Leuchtenberg[editar | editar a fonte]

    Fillos con Emilie Högqvist[editar | editar a fonte]

    Os fillos foron chamados en privado príncipes de Laponia.[7]

    Filla con Jaquette Löwenhielm (nada Gyldenstolpe)[editar | editar a fonte]

    • Oscara Meijergeer (18171880) (de casada Hilder).
    As amantes de Óscar I

    Escudos de armas[editar | editar a fonte]

    Príncipe herdeiro de Suecia. Duque de Södermanland
    (1810)
    Príncipe herdeiro de Suecia. Duque de Södermanland (1818-1826)
    Príncipe herdeiro de Suecia. Duque de Södermanland (1826-1844)
    Rei de Suecia e de Noruega (1844–1859)
    Monograma do rei Óscar I
    Predecesor:
    Carlos XIV Xoán

    Príncipe Herdeiro de Suecia e Noruega

    5 de febreiro de 18188 de marzo de 1844
    Sucesor:
    Carlos XV
    Predecesor:
    Carlos XIV Xoán

    Rei de Suecia

    8 de marzo de 18448 de xullo de 1859
    Sucesor:
    Carlos XV
    Predecesor:
    Carlos XIV Xoán

    Rei de Noruega

    8 de marzo de 18448 de xullo de 1859
    Sucesor:
    Carlos XV

    Notas[editar | editar a fonte]

    1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Xenealoxía de Óscar I de Suecia en The Peerage (en inglés).
    2. O 4 de xullo de 1911 a Société archéologique colocou unha placa conmemorativa no edificio.
    3. Anders (29 de setembero de 2011): "Från Gustaf till Gustav". Språktidningen. [1] Arquivado 11 de xaneiro de 2015 en Wayback Machine..
    4. 4,0 4,1 4,2 "Oskar" en Nordisk familjebok, 2ª edición, 1914, pp.999-1000.
    5. De pé, de esquerda a dereita: príncipe Augusto, duquesa Sofía de Nassau, duque Óscar, príncipe da coroa Karl e princesa Euxenia. Sentados, de esquerda a dereita: raíña Xosefina, rei Óscar I, princesa Luísa e princesa da coroa Luísa.
    6. Vogel-Rödin, Gösta (1991): Bernadotter i politik och kulturliv. Lidköping: Läckö institutet. ISBN 91-971685-0-5. Libris 7794977.
    7. 7,0 7,1 Söderhjelm, Alma & Palmstierna, Carl-Fredrik (1944).

    Véxase tamén[editar | editar a fonte]

    Bibliografía[editar | editar a fonte]

    • Edholm, Erik af (1944): Svunna dagar: ur förste hovmarskalken Erik af Edholms dagböcker. Upplevelser under Karl XIV Johans och Oskar I:s tid. Stockholm: Norstedt & Söner. (en sueco).
    • Ernby, Birgitta; Martin Gellerstam, Sven-Göran Malmgren, Per Axelsson & Thomas Fehrm (2001): Oskar I. Norstedts första svenska ordbok. Stockholm: Norstedts ordbok. ISBN 91-7227-186-8. (en sueco).
    • McNaughton, Arnold (1973): The book of kings: A royal genealogy. Volume 1. Londres: Garnstone Press. ISBN 978-0-9003-9119-4 (en inglés).
    • Sandberg, Thorsten (1999): "Reformprinsen". Lund: Populär historia. ISSN 1102-0822. Libris 2819517 (en sueco).
    • Söderhjelm, Alma & Palmstierna, Carl-Fredrik (1944): Oscar I. Stockholm: Bonnier. Libris 22887 (en sueco).
    • Ulvros, Eva Helen (2007): Oscar I: en biografi. Stockholm: Historiska media. ISBN 978-91-85507-10-8. Libris 10266195 (en sueco).

    Outros artigos[editar | editar a fonte]

    Ligazóns externas[editar | editar a fonte]