Ópera de Sidney

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 33°51′31,2″S 151°12′50,5″E / 33.85000°S 151.20000°E / -33.85000; 151.20000

Ópera de Sidney

Vista xeral da Ópera de Sydney.
Cidade Bennelong Point, Sydney
País Australia Australia
Coordenadas 33°51′31″S 151°12′51″E / 33.858667°S 151.214028°E / -33.858667; 151.214028Coordenadas: 33°51′31″S 151°12′51″E / 33.858667°S 151.214028°E / -33.858667; 151.214028
Arquitecto/s Jørn Utzon
Propiedade de Goberno de Nova Gales do Sur
Capacidade Concert Hall: 2.679
Joan Sutherland Theatre: 1.507
Drama Theatre: 544
Playhouse 398
The Studio: 400
Utzon Room: 210
Total: 5.738
Inauguración 20 de outubro de 1973
Páxina web sydneyoperahouse.com

A Ópera de Sidney ou Casa da Ópera de Sidney (en inglés: Sydney Opera House) é o pazo da ópera da cidade australiana de Sidney. É Patrimonio da Humanidade pola UNESCO desde o 28 de xuño de 2007. Deseñado por Jørn Utzon en 1957 é un dos edificios máis famosos e distintivos do século XX. Situado no cabo Bennelong na beira sur da Baía de Jackson, co Real Xardín Botánico ao sur e preto da famosa Ponte do Porto, fixeron do edificio e arredores un cartón postal presentación de Australia.

Nel represéntanse e realízanse principalmente obras e producións de teatro, balé, ópera e música; aínda que tamén acolle outros eventos como vodas, festas, conferencias e congresos. É a sede da Ópera Australia e, da compañía teatral e da orquestra sinfónica da cidade. Actualmente, o edificio é administrado polo Trust da Casa da Ópera de Sidney, baixo supervisión do Ministerio de Cultura de Nova Gales do Sur.

Descrición[editar | editar a fonte]

Exterior[editar | editar a fonte]

Pertencente á corrente expresionista da arquitectura, o exterior da Casa da Ópera de Sidney caracterízase polo moderno e vangardista deseño dos seus teitos que a converteron na icona máis recoñecíbel de Sidney, xunto coa Ponte do Porto.

Imaxe xeral do edificio.

A forma dos seus teitos, que a moitos lles lembra ás velas dun veleiro e que realmente están inspirados nas follas dunha palmeira, é o resultado dunha serie de grandes cunchas que apoiándose no podio na súa parte máis estreita e uníndose no alto na súa parte máis ampla danlle esa forma abovedada con saíntes tan característica da estrutura. Cada unha destas cunchas está constituída por paneis curvos apoiados nun feixe de costelas abertas en abanico. Esta forma escolleuse para alixeirar de peso a estrutura interna.

Os teitos están constituídos por parellas de estas cunchas unidas por paneis laterais feitos do mesmo material prefabricado. Pódense distinguir tres agrupacións de teitos. Cada unha das dúas agrupacións máis grande correspóndense cunha das dúas principais salas do pazo, mentres que a terceira e máis pequena co Restaurante Guillaume at Bennelong.

As cunchas e os paneis laterais áchanse cubertos cun total de 1.056 millóns azulexos de cor branco brillante e crema mate fabricados en Suecia, que co sol e na distancia asemellan ser todos iguais. Estes azulexos aínda que foron fabricados para que se autolimpasen receben un mantemento periódico de limpeza e remprazo[1].

A estrutura dos teitos asenta toda nun grande podio feito dun conglomerado mate de granito de Tarana, dunha cor rosada moi escura, que constitúe o chan das salas maiores así como todo o corpo das salas menores e ao que se acede a través dunha grande escalinata posterior. Todo a súa vez nun terrazo sobre a antiga Illa Bennelong e o terreo gañado ao mar para unir a illa coa terra firme[2].

A Ópera de Sidney cubre un total de 1.8 hectáreas (4.5 acres). Tendo 183 metros (605 pés) no seu punto máis longo e 120 metros (388 pés) no seu punto máis largo[2].

Interior[editar | editar a fonte]

A Casa da Ópera de Sidney posúe múltiples salas contabilizándose sobre 800 ambientes diferentes en todo o complexo. Distínguense salas maiores e salas menores.

Salas Maiores[editar | editar a fonte]

Concert Hall[editar | editar a fonte]
Sala principal do teatro.

O auditorio é a sala máis grande da Casa da Ópera. Consiste nunha espectacular cámara de concertos, completamente rematada en bidueiro, na que destaca especialmente a súa inmensa abóveda e o seu impresionante patio de butacas. Ao patio de butacas accédese a través de 14 portas desde os vestíbulos e ten unha capacidade máxima de 2679 cadeiras, das cales aproximadamente 2100 se sitúan diante do escenario. Repartíndose do seguinte modo:

  • 909 nos galiñeiros
  • 774 na platea
  • 694 nos palcos e camarotes
  • 302 no galería do coro e órgano

O escenario cubre unha área de aproximadamente 200m², tendo unhas medidas aproximadas de 17 metros de ancho por 11,5 metros de fondo que, en caso fose necesario, poden ser incrementados en 2,25 metros cunha perdida de 86 cadeiras na platea.

Evidentemente, o auditorio posúe alén todos os servizos e instalacións técnicas e equipamento necesarios para os concertos que corresponden a un pazo da ópera desta categoría. Destácase entre eles o magnífico Grande Órgano que é o órgano mecánico máis grande do mundo. A parte, entre os servizos e instalacións, están a disposición do Concert Hall salas de uso compartido como as salas de ensaio e a sala verde que, ademais da sala de estar, inclúe sala de xogos con billar, unha cafetería, un bar e unha oficina administrativa; e salas de uso asociado como unha sala administrativa e 11 camerinos con baño dos cales 6, con capacidade de entre 2 e 4 persoas, para os solistas; 1, que dispón dun piano de cola, para o director e 3 grandes cuartos para grupos.

A sala de concerto é o escenario principal da Orquestra sinfónica de Sidney, a Orquestra de Cámara de Australia, o Festival de Sidney, o Coro Filharmónico de Sidney[3].

Opera Theatre[editar | editar a fonte]

É a segunda sala máis grande do pazo da ópera. Consiste nun grande teatro lírico xeralmente usado para a representación de grandes producións de ópera e danza. Ten un máximo de 1507 butacas ás que se accede a través de 10 portas. As cadeiras repártense da seguinte maneira:

  • 883 na platea
  • 466 nos galiñeiros
  • 158 nos palcos e camarotes, algunhas delas con puntos cegos

O escenario ten unhas medidas variábeis dependendo do uso que se lle dea e das necesidades que se teñan. O proscenio ten un ancho máximo de 14 metros mais, após el, o escenario pode chegar a ter 19,5 metros. En canto ao fundo o escenario dispón de 17,5 metros sen contar cos 3 metros que ocupa o foso da orquestra. A altura tamén varía, así no proscenio chea aos 7 metros e, após el, o escenario pode chegar aos 15,5 metros.

Posúe tamén todos os servizos e instalacións técnicas e equipamento necesarios para as representacións. Entre elas, as salas de uso compartido xa mencionadas no apartado anterior e salas asociadas como 17 camerinos, que están situados un andar por debaixo do escenario. Estes inclúen 8 camerinos con baño para solistas que acollen confortablemente a dúas persoas, 4 semellantes que acollen até cinco persoas, 2 para os coros, 2 para a orquestra e 1 con piano de cola para o director. Alén o Opera Theatre dispón de sala de roupeiro e sala de lavandaría, unha sala administrativa e 3 salas de ensaio con cadanseu piano.

O teatro lírico é a sala principal da Ópera Australia, o Balé de Australia e a Compañía de Danza de Sidney[3].

Drama Theatre[editar | editar a fonte]

A terceira sala máis grande é un teatro dramático de tamaño medio habilitado para a representación de obras de teatro e producións musicais.

Ten unha capacidade máxima de 544 cadeiras repartidas en 19 filas, aínda que esta capacidade pode quedar reducida a 475 butacas en caso fose necesario a extensión do escenario ou o foso da orquestra. A entrada a esta sala ten lugar a través dunha única porta principal desde o vestíbulo do oeste.

Medidas tamén variábeis que depende do uso ou non uso da extensión. O proscenio ten un ancho máximo de 13,5 metros podendo chegar aos 14,5 empregando a extensión ou o foso. O escenario ten 11,5 metros de fundo aos que se lle poden sumar 2,5 con extensión ou foso. E a altura é de case 5 metros no proscenio para chegar a case 10,5 após el.

Conta tamén con todo tipo de servizos e instalacións técnicas e equipamento necesarios para as producións. Ten acceso a unha sala de roupeiro e lavandaría e a 10 camerinos con baño, 5 con capacidade para 6 persoas e os outros 5 con capacidade para 4 persoas; alen das salas de ensaio e a sala verde.

O Drama Theatre é a sala empregada pola Compañía de Teatro de Sidney, o Festival de Sidney, a Compañía Bangarra Dance Theatre e a Compañía Bell Shakespeare[3].

Playhouse[editar | editar a fonte]

Este pequeno teatro da Casa da Ópera de Sidney foi pensado para funcionar como una sala de música para recitais de música de cámara ou de poesía; mais, posteriormente, adaptouse tamén para a representación de drama, musicais e cabaré. Tamén é usada para seminarios e filmes.

Posúe 398 butacas repartidas en 17 filas ás que se accede a través de dúas portas desde o vestíbulo do oeste. Esta cifra pódese ver reducida en 22 cadeiras ou 45 dependendo do que se queira estender o escenario. Este ten aproximadamente un ancho de 13,5 metros, unha altura de 6,5 metros e un fundo de 7 metros sen extensións e 8 ou 9 dependendo da extensión.

Con servizos e instalacións técnicas e equipamento semellantes aos das salas, ten acceso a un roupeiro e unha cociña lavandaría e a 5 camerinos con baño que poden acoller entre 4 e 6 artistas así como as salas de uso compartido.

Entre as compañías que teñen a sede na Ópera de Sidney, empregan esta sala o Festival de Sidney e a Compañía Bell Shakespeare[3].

The Studio[editar | editar a fonte]

A sala máis pequena das cinco salas maiores. É un estudio principalmente deseñado para a representación de pequenas obras contemporáneas de música, teatro e danza. Tamén é empregada para presentacións, seminarios e gravacións.

É unha sala moito flexíbel polo que a súa capacidade pode variar drasticamente desde 220 a 350 butacas dependendo da configuración que se lle queira dar á sala. Aínda que polo xeral adoita ser de 282 cadeiras tendo:

  • 158 butacas arredor do escenario na platea alta
  • 124 cadeiras na platea baixa

O escenario cubre unha área de 15 por 15 metros.

Ten a súa disposición servizos e instalacións técnicas e equipamento a igual que o resto das salas así como as salas de uso compartido. Dous camerinos con baño con capacidade para 6 persoas e un roupeiro lavandaría son as salas asociadas. O feito de ser empregada está sala de maneira conxunta co estudo de gravación, que está nun dos seus lados, fai que moitas veces este sexa considerado unha das súas salas asociadas[3].

Salas Menores[editar | editar a fonte]

Son aquelas salas non destinadas polo xeral a representación e produción de obras de música, danza ou teatro como as anteriores. Entre elas podemos topar:

  • Oficinas administrativas
  • Cuartos de baño
  • Sala de exposicións
  • Libraría e arquivo
  • Salas para instalacións
  • 3 tendas
  • Un estudo de gravación
  • 45 camerinos
  • Un hall de entrada
  • 6 bares e restaurantes
  • A sala Utzon; que as veces funciona como sála para recitais
  • 5 salas de ensaio
  • Unha Sala verde; que ademais da sala de estar inclúe un restaurante, un bar, unha sala de xogos e unha oficina administrativa
  • 2 hall principais
  • Aparcadoiro
  • Vestíbulos
  • Paseo da ópera
  • Grande escalinata, e
  • Patio da ópera; que moitas veces funcionan como anfiteatro ao aire libre para concertos e que tamén acollen o mercado da ópera[3]

Historia[editar | editar a fonte]

Patrimonio da Humanidade - UNESCO
Ópera de Sydney
Sydney Opera House - Dec 2008.jpg
A Ópera de Sydney de noite.
Flag of UNESCO.svg Información Flag of UNESCO.svg
Inscrición: 2007 (XXXI sesión)
País: Australia Australia
Localización: 33°51′31,2″S 151°12′50,5″E / 33.85000°S 151.20000°E / -33.85000; 151.20000
Rexión: Asia e Oceanía
Tipo: Cultural
Criterios: i
Descrición UNESCO: fr en

Orixes[editar | editar a fonte]

A idea de construír a Ópera de Sidney comezouse a fraguar a finais da década dos 40 cando Eugène Goossens, director do conservatorio de música de Sidney propugnou pola construción dun local adecuado para as grandes producións e representacións de música, danza e teatro; que por aquel entón tiñan lugar no edificio do concello de Sidney, un espazo considerado insuficiente.

En 1954, Goossens obtivo o apoio definitivo da man do Primeiro ministro de Nova Gales do Sur, Joseph Cahill, quen constituíu o comité para a súa construción. No comité, constituído por cinco persoas, Goossens conseguiu tamén impor a súa idea de que o lugar de construción fose Bennelong Point; a pesar da oposición de Cahill, que quería que estivese preto da estación de Wynyard, no noroeste do distrito do centro financeiro de Sidney, para facilitar o seu acceso[4].

O comité convocou un concurso público internacional que se iniciou 13 de setembro de 1955 e que recibiu un total de 233 proxectos chegados de 32 países diferentes en busca dun premio de 100.000 dólares para o gañador[4]. Os criterios mínimos especificados que debían conter os proxectos eran:

  • Unha grande sala con capacidade para 3000 butacas
  • Unha sala menor con capacidade para 1200 butacas, e
  • Os espazos asociados a elas para as grandes producións e representacións de música, danza e teatro[5].

O deseño gañador foi anunciado en 1957, resultando vencedor o proxecto presentado polo equipo de Jørn Utzon, un arquitecto danés. Eero Saarinen, un arquitecto e deseñador americano de orixe finesa, membro do xurado elixido polo comité, foi unha persoa crucial para a selección do deseño de Utzon. Utzon chegaría ese mesmo ano para axudar a supervisar o proxecto e a construción do edificio[6].

Deseño e Construción[editar | editar a fonte]

Imaxe durante a súa construción, en 1968.

Os terreos de Bennelong Point escollidos para a construción estaban ocupados polo Forte Macquarie, convertido desde 1902 en depósito de tranvías, polo que foi demolido no ano 1958, iniciándose a construción formal do pazo da ópera en 1959. O proxecto construíuse en tres etapas. A Etapa I (1959-1963) durante a cal se construíu o podio, a Etapa II (1963-1967) na que se levantaron os seus característicos teitos, e a Etapa III dedicada ao deseño e a construción do interior (1967-73).

Primeira Etapa: O podio[editar | editar a fonte]

A primeira fase das obras comezou o 5 de decembro de 1958, pola empresa construtora con base en Sidney Lend Lease Corporation.

O goberno, temendo que o financiamento conseguido ou a opinión pública trocasen de idea chegando a provocar incluso a cancelación, iniciou de maneira apresurada as obras cando aínda estaban por concretar no deseño importantes aspectos estruturais como os teitos. Este forzado comezo prematuro das obras deu lugar aos moitos e significativos problemas estruturais que foron aparecendo despois ao longo da construción. O maior deles foi a construción das columnas do podio que debían de sustentar os teitos dunha menor resistencia da necesaria para manter a estrutura proxectada, obrigando este erro a redefinir o deseño dos teitos do deseño orixinal[7].

Aínda que a estimación para acabar a construción do edificio era de catro anos, a 23 de xaneiro de 1961, máis de tres anos despois de comezar a primeira fase e a pesar do inicio apresurado, as obras xa acumulaban un importante retraso e o podio estaba aínda por rematar. Até entón só se empregaran 47 semanas de traballo debido principalmente a dificultades variadas como inclemencias meteorolóxicas, trocos no contrato e deseños inacabados, entre outros moitos.

O podio foi acabado finalmente o 31 de agosto de 1962.

Segunda Etapa: Os teitos[editar | editar a fonte]

Aínda que estrutura das cunchas que ían conformar as abóvedas dos teitos estaba inicialmente indefinida xeometricamente, case desde o principio do proceso de deseño do edificio proxectouse como parábolas apoiadas sobre costelas prefabricadas de formigón . Este idea tivo a oposición da firma inglesa Ove Arup e socios, que traballaba con Utzon no deseño da Casa da Ópera, pois os seus enxeñeiros non podían achar unha solución economicamente viábel para construílas, posto que terían que encontrar tamén unha forma de construír as abóvedas de maneira prefabricada xa que o uso de encofrado “in situ” tería carrexado un custo desmesurado[8].

Desde 1957 até 1963 estivo o equipo de deseño traballando neste problema e en completar a solución finalmente achada. A solución encontrouse a mediados do ano 1961 mais até entón o equipo de deseño chegou a barallar até 12 diferentes posibilidades na forma antes de dar cunha solución realizábel. Esta solución consistía en crear as cunchas como seccións dunha esfera. Unha curiosidade é que o deseño das cunchas supuxo unhas das primeiras aplicacións que se fixo dos ordenadores na análise estrutural para entender o complexo sistema de forzas que actuarían nas mesmas[9].

De quén saíu esta solución tan orixinal foi fonte de controversia. Orixinalmente foi atribuída a Utzon. Asín unha carta de Arup a Ashwoth, un membro do comité da Casa da Ópera de Sidney, di:

Utzon suxeriu a idea de facer todas as abóvedas cunha curvatura uniforme en todas as partes e en ambas as direccións[9].

Segundo Peter Jones, autor da biografía de Ove Arup:

O arquitecto e os seus partidarios do mesmo modo aseguran lembrar o intre preciso de insight [...]; os enxeñeiro se algúns dos seus asociados, con igual convición, lembran a discusión tanto na central de Londres como na cas ade Ove

Jones conclúe que

A evidencia existente amosa que Arup examinou varias posibilidades para a xeometría das abóvedas, desde parábolas até elipsoides pasando por esferas[9]

Pola súa parte, Yuzo Mikami, un membro do equipo de deseño, presentou unha visión completamente oposta no seu libro sobre o proxecto titulado “Utzon’s Sphere”[10][11].

É pouco probábel que se chegue a saber a verdade algún día, mais hai un claro consenso sobre o feito de que o traballo realizado polo equipo de deseño é dunha grande calidade. De feito, para a primeira parte do proxecto, tanto Utzon como Arup, xogaron un papel significativo no desenvolvemento do proxecto[12].

Como Peter Murray estabeleceu na súa obra “The Saga Of The Sydney Opera House”

Os dous homes, é os seus respectivos equipos, mantiveron unha colaboración que se notou na produtividade e, a pesar dos moitos traumas, foi visto pola maioría dos implicados no proxecto como un alto grao de colaboración entre os arquitectos e enxeñeiros[7].

Sendo a forma esférica a empregada para o deseño de cada unha das cunchas da abóveda, abríase un grade abanico de posibilidades no deseño e convertíase na forma xeométrica máis sinxela de construír e fácil de controlar. Esta técnica evitou a necesidade de construír un custoso encofrado na obra, permitindo o uso de unidades prefabricadas na factoría, tanto das cunchas como das costelas. Isto tamén permitiu que os azulexos do teito fosen colocados en terra, en lugar de ter que facelo en altura. Con esta solución simplificouse a fabricación, a construción e o cálculo.

Os teitos foron construídas por Hornibrook Group Pty Ltd, que tamén eran responsábeis da construción dos interiores. Hornibrook fabricou 2400 costelas e 4000 paneis para construír os teitos na mesma factoría, e desenvolveu tamén todos os procesos de construción[7].

Ove Arup e os seus socios supervisaron persoalmente a construción e colocación das cunchas. Na súa colocación empregouse un innovador sistema de suxeición de aceiro, denominado arco de construción, para apoiar as diversas partes antes da terminación.

O 6 de abril de 1962 estimouse que a Casa da Ópera estaría finalizada entre os meses de agosto de 1964 e marzo de 1965. Porén, o tempo estimado foi superado novamente e para finais de 1965 calculouse axeitadamente que esta segunda etapa completaríase en 1967[2].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Macquarie University. "Introducing the Sydney Opera House". The Macquarie Globe. http://www.international.mq.edu.au/globe/default.aspx?id=239&EditionID=90. Consultado o 1 de xaneiro de 2008.
  2. 2,0 2,1 2,2 Biokjallarinn. "Architectural wonders". Architecture 21. http://www.biokjallarinn.com/architecturalwonders.htm. Consultado o 1 de xaneiro de 2008.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 SydneyOperaHouse. "Sydney Opera House venues". SydneyOperaHouse.com. http://www.sydneyoperahouse.com/about/venues.aspx. Consultado o 12 de xaneiro de 2008.
  4. 4,0 4,1 Sitio web de RTVE (accedido o 12/01/08)
  5. Ziegler, Oswald L. (ed) Sydney Builds an Opera House., páxina 25, Oswald Ziegler Publications, 1973
  6. http://www.hughpearman.com/articles/sydney.htm
  7. 7,0 7,1 7,2 Murray, P: The Saga of the Sydney Opera House, 2004, Spon Press (UK), ISBN 0-415-32521-8
  8. Arup, Ove and Zunz, G.J.: Article in Structural Engineer Volume 47, Marzo 1969
  9. 9,0 9,1 9,2 Jones, Peter: Ove Arup: Masterbuilder of the Twentieth Century. Yale University Press, 2006.
  10. Bentley, Paul (September 2001). "A Matter of Integrity – A Review of Yuzo Mikami's Utzon's Sphere". The Wolanski Foundation. http://www.twf.org.au/research/mikami.html. Consultado o 2007-01-30.
  11. Mikami, Yuzo: Utzon's Sphere, Tokyo: Shoku Kusha. 2001.
  12. Hunt, Tony (October 2001). "Utzon's Sphere: Sydney Opera House - How It Was Designed and Built - Review". EMAP Architecture, Gale Group. http://www.findarticles.com/p/articles/mi_m3575/is_1256_210/ai_79759827. Consultado o 2007-01-30.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Operalogo.svg
A Galipedia ten un portal sobre:

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]