Período helenístico

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Época Helenística»)
Historia de Grecia

Grecia prehelénica
Prehistoria de Grecia
-3200 Civilización cicládica
-2700 Civilización minoica
 -1550 Civilización micénica
Grecia antiga
 -1200 Idade escura
 -800 Época arcaica
 -510 Época clásica
 -323 Época helenística
 -146 Grecia romana
Grecia medieval
 330 Imperio bizantino
 1202 Cuarta cruzada
 1453 Grecia otomana
Grecia contemporánea
  1799 República das sete illas
  1822 Guerra de independencia
 1832 Reino de Grecia
 1936 Réxime do 4 de agosto
 1941 Ocupación
 1946 Guerra civil
 1967 Ditadura dos coroneis
 1974 República helénica

Desígnase como período helenístico (do grego antigo ἑλληνίξειν hellēnizein, "falar en grego", "vivir como os gregos") ou período alexandrino o período histórico que decorre entre a morte de Alexandre Magno en 323 a. C. e a conquista do Antigo Exipto en 30 a. C. polos romanos.[1] Caracterízase pola difusión da civilización grega nunha vasta área que se estendía do Mediterráneo oriental até á Asia Central. De modo xeral, o helenismo foi a concreción dun ideal de Alexandre: o de levar e difundir a cultura grega aos territorios que conquistaba. É neste período histórico que as ciencias particulares tiveron o seu primeiro e grande desenvolvemento. É o tempo de Euclides e Arquimedes. O helenismo tamén marca un período de transición para o apoxeo e dominio de Roma.

O período foi identificado como tal polos historiadores do século XIX. O termo "helenístico" foi empregado por vez primeira polo historiador alemán Johann Gustav Droysen na súa Historia do Helenismo (1836 e 1843, a partir dun criterio lingüístico e cultural: o crecemento espectacular das rexións nas que se falaba o grego (ἑλληνίζειν / hellênízein) e, en consecuencia, do fenómeno de expansión do helenismo.[2] Porén, este fenómeno de helenización e de encontro entre as antigas civilizacións orientais e gregas continúa baixo o Imperio Romano, polo que os límites cronolóxicos do período son sobre todo políticos: as conquistas de Alexandre e o suicidio da última grande soberana helenística, a raíña de Exipto Cleopatra VII.[3]

Os traballos arqueolóxicos e históricos recentes están a pór en valor este período, antes mal coñecido, e en particular dous aspectos característicos da época, a existencia e o peso dos grandes reinos dirixidos por dinastías de orixe grega ou macedónica (os láxidas, seléucidas, antigónidas, así como o papel determinante de centos de cidades cuxo papel, ao contrario do que antes se pensaba, non estaban a declinar.

Evolución política do mundo helenístico[editar | editar a fonte]

A conquista de Alexandre[editar | editar a fonte]

Ver o artigo sobre Alexandre Magno

Rei de Macedonia aos 20 anos, señor da Grecia dous anos máis tarde, Alexandre Magno emprendeu desde o seu breve reinado (apenas 13 anos, entre 336 a. C. e 323 a. C.) a conquista máis espectacular e rápida da Antigüidade. Un reino de tamaño medio, asociado a algunhas cidades gregas, venceu ao maior imperio da época, o Imperio Persa de Darío III. O soberano aqueménida foi vencido en catro anos (334 a. C.-330 a. C.) e tres batallas, a de Gránico, Isso e Gaugamela.[4] Os tres anos seguintes consagrounos á lenta e difícil conquista das satrapías da Asia Central, e logo, até o 325 a. C, a afianzar a dominación macedónica sobre o noroeste da India. Foi así que Alexandro, baixo a presión das súas tropas fatigadas, debeu renunciar a continuar a súa epopea e retornar cara ao que se convertera no corazón do seu imperio, a Mesopotamia.[5]

Co fin de asegurar o seu poder a longo prazo, tentou asociar a clase dirixente do antigo imperio Aqueménida á osamenta administrativa do seu reino. Tentou así crear unha monarquía que asumise á vez a herdanza macedónica e grega dunha parte e tamén a persa e, de xeito máis xeral, asiática. A morte inesperada do rei, posibelmente por unha enfermidade, á idade de 33 anos, puxo fin a esta tentativa orixinal aínda que moi contestada polo contorno macedónico do soberano.

O período dos diádocos (323-281 a.C.)[editar | editar a fonte]

Ver o artigo sobre as Guerras dos diádocos.

Alexandre Magno non deixou sucesores efectivos con capacidade de reinar e, sobre todo, de se impor aos diádocos, oficiais de todas as campañas do soberano, que se estragaron mutuamente durante 40 anos. As guerras nas que se meteron Pérdicas, Tolomeo, Casandro, Lisímaco, Antígono Monóftalmo e Seleuco, por non citar máis que aos máis importantes, até 281 a. C., fixeron desaparecer toda a parentela de Alexandro e estalar o imperio. Faltou pouco, porén, para que Antígono Monoftalmo, un vello oficial vagamente emparentado coa dinastía macedónica, conseguise reconstituír o imperio: unha coalición dos seus rivais venceuno na batalla de Ipsos en 301 a. C..

Grecia, Macedonia e Asia Menor foron sacudidas profundamente polas campañas militares incesantes entre os diádocos, mentres que a parte oriental do imperio se emancipou rapidamente da súa tutela coa creación dos reinos gregos de Bactriana. Pouco lles importaba a estes xenerais que parte do imperio gobernar, o esencial era reinar. Así Demetrio Poliorcetes, fillo de Antígono Monóftalmo, dirixiu co seu pai o esencial de Asia e logo, após a derrota e a morte de Antígono, tentou facerse coa Macedonia, chegando a logralo provisoriamente antes de fracasar e rematar a súa vida miserabelmente. O fillo máis vello de Tolomeo I, Tolomeo Keraunos foi expulsado do Exipto polo seu pai, refuxiouse co seu medio irmán Lisímaco na Tracia e fíxose co seu reino e logo coa Macedonia antes de facer asasinar a Seleuco, que marchaba contra el. O Medio Oriente estivo así totalmente dominado polas ambicións destes xenerais, que tomaban presto o título de rei, e das súas tropas, constituídas fundamentalmente de mercenarios gregos e macedonios.

O soberano máis lúcido foi Tolomeo I, un dos compañeiros de infancia de Alexandro, de quen algúns autores estiman que era fillo ilexítimo de Filipo II. Fíxose rapidamente co Exipto e empeñouse en crear un estado estábel, renunciando así ás ambicións imperiais, que estimaba seren pouco realistas. Isto fai del un dos enterradores da idea imperial, mais tamén un dos fundadores do mundo helenístico.

O equilibrio do século III[editar | editar a fonte]

Neste século estableceuse un equilibrio precario entre tres dinastías xurdidas dos diádocos. A Macedonia estaba gobernada polos descendentes de Antígono Monóftalmo (os Antígonos), o Exipto polos Láxidas e o imperio máis extenso e máis homoxéneo (Asia Menor, Siria e Mesopotamia) polos Seléucidas. Mais a división do mundo helenístico era maior. Con efecto, a carón das tres monarquías principais existían reinos máis pequenos cuxo rol non é, porén, menos primordial. Así, o reino dos Atálidas, arredor de Pérgamo, os reinos do Ponto ou de Bitinia, o mesmo o fundado por Hierón en Siracusa, na Magna Grecia.

Ademais destas numerosas monarquías, existían confederacións de cidades que se opuñan, ás veces con éxito, ás empresas dos reinos helenísticos, en particular ao da Macedonia. Dous destes estados federais, a Liga aquea con Aratos e a liga etolia, xogaron tamén un papel importante até á conquista romana. Certas cidades, por último, lograron preservar totalmente a súa independencia e manter relacións de igual a igual cos reinos, como por exemplo Rodas.

A intervención romana e a desaparición política do mundo helenístico[editar | editar a fonte]

A finais do século III, a Magna Grecia, ou sexa, o sur de Italia e Sicilia, caeu baixo o dominio romano após un século de enfrontamentos, ora baixo Pirro II, ora no marco das guerras púnicas. Fixo falta agardar até o inicio do século II a. C. para que Roma interviñese realmente en Oriente. Nun primeiro tempo, subxugou militarmente aos Antigónidas e sobre todo a Antíoco III, a última grande figura política dos soberanos helenísticos antes de Mitrídates e Cleopatra. Logo, nun proceso lento e complexo que se estendeu durante case dous séculos, e coa complicidade das cidades e do reino de Pérgamo, Roma asegurouse a dominación completa do Mediterráneo oriental. O acto final desta conquista foi a loita que opuxo a Octavio e a Marco Antonio, aliado da derradeira soberana do Exipto, Cleopatra VII, e a derrota e suicido desta última en 30 a. C.

Porén, esta penetración romana no Oriente helenístico non se realizou sen resistencia e fixeron falla non menos de tres guerras para vencer ao rei do Ponto Mitrídates VI no século I a. C.. Pompeio suprimiu o reino seléucida en 63 a. C. e reorganizou o Oriente baixo a orde romana. O mundo helenístico converteuse entón no campo de batalla das ambicións de diversos xenerais da República Romana (batalla de Farsalia, batalla de Actio), até á vitoria final de Octavio.

Paralelamente, a influencia política dos Seléucidas foi derrotada en Asia central, en Persia e logo na Mesopotamia, após o reinado de Antíoco III (223-187 a. C.). Este último dispuxo aínda dos medios para dirixir unha expedición até os límites do río Indo. Baixo o reinado do seu fillo, os Seléucidas non lograron nin sequera vencer a insurrección dos macabeos na Palestina. A irrupción dos partos acelerou esta descomposición política e, a comezos dos século I a. C., os soberanos seléucidas xa non gobernaban máis que na Siria.

As estruturas políticas: reinos e cidades[editar | editar a fonte]

O declive relativamente rápido destes reinos fainos preguntarnos sobre a fraxilidade aparente e a natureza das monarquías helenísticas, así como sobre a permanencia da outra grande estrutura política herdeira do mundo grego, a cidade.

O reino helenístico, unha monarquía absoluta[editar | editar a fonte]

A monarquía helenística é persoal. Isto significa que é soberano aquel que, polo seu mérito individual, as súas accións, normalmente militares, e a súa conduta, pode aspirar ao título de basileus ("rei"). En consecuencia, a vitoria militar é frecuentemente o acto que lexitima a ascensión ao trono e que permite reinar sobre unha provincia ou un estado. Os Seléucidas utilizaron a toma de Babilonia por Seleuco I en 312 a. C. para lexitimar a súa presenza na Mesopotamia, ou a súa vitoria en 281 a. C. sobre Lisímaco para xustificar as súas reivindicacións sobre a rexión dos estreitos e o sur da Tracia. Os reis de Bitinia aproveitáronse igualmente da pseudo-vitoria en -277 do seu devanceiro Nicomedes I (que en realidade cedera os territorios e se aliara con eles) sobre os gálatas para afirmar as súas pretensións territoriais.

Esta monarquía persoal non posuía regras de sucesión precisas, o que ocasionaba querelas incesantes e numerosos asasinatos cando concorrían varios herdeiros, nin de leis fundamentais nin de textos que regulasen os poderes do soberano. Todo procedía do rei e, en particular, as leis. Este carácter absoluto e persoal foi á vez a forza e a debilidade destas monarquías en función do carácter e da personalidade do soberano. Fíxose polo tanto preciso, fora da Macedonia, onde a monarquía era unha institución antiga, crear ideoloxías que xustificasen a dominación de dinastías de orixe macedónica e de cultura grega sobre as poboacións totalmente estranxeiras a esta civilización. Os láxidas convertéronse así en faraóns aos ollos dos exipcios e procederon a aliarse ao clero autóctono mediante grandes doazóns aos templos.

Mais estes soberanos gobernaban tamén sobre poboacións de orixe grega e macedonia ás que debían mostrar a imaxe dun rei xusticeiro que aseguraba a paz e que se comportaba como benfeitor. É a noción de everxetismo, que fai do monarca helenístico o benfeitor dos seus súbditos. A consecuencia deste feito, iniciado xa por Alexandre Magno, foi a divinización cando vivos dun gran número de soberanos, así como as honras culturais rendidas polos seus súbditos ou polas cidades autónomas ou independentes a quen lles tiñan rendido servizo. Isto permitiu fortalecer a cohesión do reino arredor da dinastía.

A fraxilidade do poder dos soberanos helenísticos obrigábaos a unha actividade incesante. Debían vencer militarmente aos seus adversarios, polo que este período se caracterizou por unha serie de conflitos entre soberanos ou contra adversarios externos: os partos, os romanos etc. Foi así que os soberanos tiveron que viaxar continuadamente a fin de instalar guarnicións e construír cidades para controlar os seus estados. Antíoco III foi o que máis se desprazou, entre Siria, Exipto, Mesopotamia, Persia, as fronteiras da India, Asia Menor e Grecia antes de morrer preto de Susa en 187. Para poder manter estes exércitos e financiar a construción das cidades, foilles indispensábel construír administracións sólidas e, sobre todo, fiscais. Os reinos helenísticos eran, antes do máis, xigantescas estruturas de explotación fiscal, converténdose así en herdeiros directos do Imperio Aqueménida.

Arredor destes soberanos gravitaba unha corte na que o papel dos favoritos do monarca era preponderante. Por vía de regra, eran gregos ou macedonios, que frecuentemente portaban o título de "amigo do rei" (philoi). Abandonouse o desexo de Alexandre Magno de asociar as elites asiáticas ao poder e esta dominación política greco-macedonia parécese en moitos aspectos a unha dominación colonial. Para achegarse colaboradores eficaces e fieis, o rei debíaos enriquecer con doazóns, dominios tomados do dominio real. Isto non impedía que certos favoritos tivesen unha fidelidade dubidosa e, ás veces, sobre todo no caso dunha minoría de idade real, que exercesen realmente o poder, como Hermias, de quen lle foi difícil desfacerse a Antíoco III, ou Sosibio en Exipto, a quen Polibio atribúe unha reputación sinistra.

O poder absoluto de que dispuñan estes reis estaba sometido a múltiples limitacións: afianzarse o seu contorno, vencer os seus inimigos, demostrar a súa natureza real cos seus comportamentos, lexitimar a súa función coa divinización da súa persoa. Na época clásica, o modelo da monarquía, rexeitado polos filósofos gregos era asiático; na época helenística, grego.

A idade de ouro das cidades?[editar | editar a fonte]

Venus de Milo

Da comparación co período clásico da Grecia, conclúese con frecuencia que a cidade declinou durante o helenismo. Na verdade, Esparta, Atenas e Tebas son casos bastante illados de cidades imperialistas, mais a inmensa maioría das cidades gregas dos séculos V e IV a. C. debeu entenderse con elas ou someterse á súa autoridade ou á dos reis aqueménidas. Esta situación resultou idéntica na época helenística, coa matización de que o poder das cidades imperialistas xa non existía (Atenas) ou foi entón finalmente derrotado (Esparta en 222 a. C.). Algunhas cidades organizáronse en poderosas federacións, sobre todo na Grecia, como a Liga aquea ou a Liga etolia. Outras lograron brillantemente preservar certo tempo a súa independencia, como Rodas ou Heraclea. Moitas outras cidades xogaron cos conflitos entre soberanos para preservar, mesmo provisoriamente, a independencia á que se aferraban orgullosamente.

Na verdade, o número de cidades aumentou considerabelmente durante este período. Os monarcas helenísticos fundaron varias ducias nos seus reinos, comezando polas súas propias capitais: Alexandría, Antioquía, Seleucia ou aínda Pérgamo. Os seléucidas fundaron cidades sobre a chaira iraniana (Apamea, Laodicea).

Na arte[editar | editar a fonte]

Vitoria de Samotracia

En escultura, as formas fanse máis complexas e movidas aínda que no século anterior (século IV a. C.). Destacan o Galo moribundo (230-200 a.C) e os relevos do Altar de Zeus de Pérgamo, a Afrodita en crequenas, a Vitoria de Samotracia, o Laoconte e os seus fillos e a Venus de Milo. Ver escultura helenística.

Na filosofía[editar | editar a fonte]

En filosofía o pensamento vese afectado pola desaparición das cidades-estado (polis) e a aparición dos grandes estados nos territorios helénicos. O cambio político provoca un afastamento do individuo da vida pública, perdéndose así o obxectivo vital dos cidadáns das polis, isto é, acadar a fama a través da acción política. Como consecuencia disto a filosofía céntrase principalmente en cuestións morais, dirixidas a orientar de xeito vital ó individuo nas novas circunstancias. Neste contexto aparecen dúas correntes éticas opostas: Epicureísmo e Estoicismo. A primeira destas propón unha moral parcialmente hedonista: o pracer como meta na vida, aínda que se contemplan tanto os praceres intelectuais como sensibles, sendo o medio para conseguilo a ataraxia, é dicir, a serenidade de espírito producida pola eliminación de medos infundados e polo goce moderado dos praceres. O Estoicismo, en cambio, é unha moral da virtude. Esta consiste nun control anímico que permita ó individuo liberase de todo sentimento, paixón e desexo. En canto as tradicións filosóficas anteriores, só perduran con forza as tendencias de orixe platónico, primeiro derivando nunha orientación escéptica e despois, xa na era cristiá, dando lugar á versión do Neoplatonismo, iniciada con Plotino (205-270 d. C.). No que respecta á actividade científica desta época sobresaen os estudos multidisciplinares na escola museo de Alexandría (matemáticas, astronomía, medicina, xeografía etc.) e, con relación ós vindeiros séculos do medievo, cabe mencionar, xa na época romana, ó médico Galeno (s. II), moi influído por Aristóteles, e ó astrónomo Claudio Tolomeo (s.II), autor do libro Almaxesto onde se expón unha concepción xeocéntrica do Universo, de inspiración tamén aristotélica, que influirá notablemente na Idade Media.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Rodrigues, Pedro Eurico. "Helenismo - Período Helenístico - História". InfoEscola (en portugués). Consultado o 2023-01-22. 
  2. "Helenismo histórico e características". estudopratico.com.br. 
  3. Franco, Jéssica (2019-01-01). "CLEÓPATRA VII RAINHA DOS REIS: A MONARQUIA HELENÍSTICA NA ÚLTIMA FARAÓ DO EGITO". 
  4. "Tarea; Batallas". Brainly.lat (en castelán). 
  5. "Alejandro contra el Imperio persa, la batalla de Issos". historia.nationalgeographic.com.es (en castelán). 2013-01-31. Consultado o 2023-01-22. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]


Outros artigos[editar | editar a fonte]