Ácido xilónico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ácido D-xilónico.
Nome IUPAC: ácido (2R,3S,4R)-2,3,4,5-tetrahidroxipentanoico.
Número CAS: 17828-56-7 (D/L).

O ácido xilónico, tamén chamado ácido lixónico, é un monosacárido de 5 carbonos coa fórmula C5H10O6, que pertence ao grupo dos azucres ácidos aldónicos [1]. Orixínase por oxidación suave da xilosa, durante a cal o grupo aldehido do carbono 1 se converte en grupo carboxilo (COOH). O encima que intervén na súa biosíntese é a xilosa deshidroxenase, que require NAD+ como coencima. Os sales e ésteres do ácido xilónico denomínanse xilonatos.

O ácido xilónico ten isómeros D e L e pode orixinar lactonas.

A produción de ácido xilónico a partir de xilosa comprobouse en varias especies de bacterias e lévedos. A bacteria Pseudomonas fragi mostrou un alto rendemento na produción de ácido xilónico (ata o 92% da xilosa inicial), a cal estaba asociada ao crecemento da bacteria e era sensible ao decrecemento do pH e á formación de xilonolactonas inhibitorias [2] [3]. Na produción de ácido xilónico tamén se poden utilizar bacterias Escherichia coli transxénicas [4] ou outros microorganismos.

O ácido xilónico probouse como un aditivo do cemento, xa que funciona como axente dispersante, e demostrou ser moi efectivo [5].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. PubChem compound [1]
  2. J. Buchert et al. Production of xylonic acid by Pseudomonas fragi. Biotechnology letters. Volume 8, Number 8, 541-546, DOI: 10.1007/BF01028079. [2]
  3. J. Buchert, Lisa Viikari. The role of xylonolactone in xylonic acid production by Pseudomonas fragi. Applieb Microbiology and Biotechnology. Volume 27, number 4, 333-336, DOI 10.1007/BF00251763 . [3]
  4. Liu H. et al. High yield production of d-xylonic acid from d-xylose using engineered Escherichia coli. PubMed
  5. Chun BW et al. The development of cement and concrete additive: based on xylonic acid derived via bioconversion of xylose. Appl Biochem Biotechnol. 2006 Spring;129-132:645-58. PubMed