Ácido mirístico
Nome IUPAC: ácido tetradecanoico.
Número CAS: 544-63-8
Punto de fusión: 54,4 °C[2].
O ácido mirístico[3] (ou ácido tetradecanoico) é un ácido graxo saturado moi común coa fórmula molecular CH3(CH2)12COOH. Un miristato é un sal ou éster do ácido mirístico.
O ácido mirístico recibe o seu nome do nome científico da noz moscada (Myristica fragrans). A manteiga de noz moscada é nun 75% trimiristina, o triglicérido formado por glicerina e tres ácidos mirísticos. Ademais de na noz moscada, o ácido mirístico atópase no aceite de sementes de palma, aceite de coco, manteiga (do leite) e é un compoñente menor de moitas outras graxas. [2] Tamén se encontra no espermaceti, a fracción cristalizada do aceite de esperma de balea.
Na célula o ácido mirístico con frecuencia engádese cotraducionalmente á penúltima glicina do extremo N-terminal de quinases asociadas a receptores para conferirlle ao encima "localización de membrana" (o encima queda asociado á membrana). Esta adición denomínase miristoilación[4] [5]. O ácido mirístico ten unha hidrofobicidade dabondo alta como para ser incorporado á zona de ácidos graxos dos fosfolípidos da bicapa lipídica das membranas da célula eucariótica. Deste modo o ácido mirístico actúa como lípido áncora nas biomembranas.
É un compoñente de xabóns e cosméticos. O éster isopropil miristato utilízase en cosmética e preparacións medicinais tópicas cando se procura unha boa absorción a través da pel.
A redución do ácido mirístico rende miristil aldehido (tetradecanal) e o alcohol miristílico.
Notas [editar]
- ↑ PubChem compound Myristic acid
- ↑ 2,0 2,1 "Lexicon of lipid nutrition (IUPAC Technical Report)". Pure and Applied Chemistry 73 (4): 685–744. 2001. DOI:10.1351/pac200173040685. http://iupac.org/publications/pac/73/4/0685/.
- ↑ ChemSpider Myristic acid
- ↑ Mary K. Campbell,Mary K. Campbell Shawn O. Farrell. Bioquímica. Google books. [1]
- ↑ N-miristoilación (Myr) y modificaciones N-terminal de proteínas de Arabidopsis thaliana Dr. José Ángel Traverso. Institut des Sciences du Végétal, Gif-sur-Yvette, Francia
Véxase tamén [editar]
Outros artigos [editar]
|
|||||||||||||||||||||||||||||||||||